Proxectos sociais versus proxectos baseados na tecnoloxía na USC

venres, 30 de maio do 2008 Raquel Noya

O secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta mailo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, inauguraron, o pasado xoves 29 na Facultade de Química, o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario que nesta ocasión avanzará na análise dos principais trazos que definen á universidades emprendedoras.
Na devandita sesión inaugural, Rubiralta anunciou a vindeira elaboración dunha nova Lei de Ciencia, que vai comezar o seu proceso de discusión, e que “demostrará o compromiso do Ministerio de Ciencia e Innovación co emprendemento universitario”, sen descoidar as tres facetas fundamentais da esfera universitaria: a docencia, a investigación e a responsabilidade social.
Nesta xuntanza salientouse, asemade, o papel da USC como unha universidade de referencia no eido que aborda o congreso así como unha activa promotora de experiencias cun alto grao de aproveitamento en diferentes ámbitos.
Entre outras cousas, este congreso ofreceralles ós participantes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencia e boas prácticas sobre o impacto socioeconómico do emprendemento universitario, a posta en valor da tecnoloxía dende as universidades, o financiamento dos programas de emprendemento universitarios e a creación de empresas dende as universidades emprendedoras.
Ó longo da xornada de hoxe, que abriu as súas portas ás 10:00 horas, o director do Instituto Ideas da Universitat Politècnica de València, José Millet e o coordinador do Programa Empresa-Concepto, Roberto Graña, explicarán as principais liñas de traballo das súas respectivas entidades.
Posteriormente, o director do Parc Cientific da Universitar de Barcelona, Fernando Albericio máis Cristina Villaroya, representante da OCIT da Universitat Jaume I, explicarán as experiencias desenvolvidas nestas universidades en prol do financiamento destes programas.
As principais características dos proxectos sociais e de humanidades fronte aos proxectos baseados na tecnoloxía será o seguinte dos temas a desenvolver, a partir das 12:00 horas e xa na xornada da tarde, os asistentes ao congreso participarán nunha visita guiada ao patrimonio histórico e artístico da USC.

PUBLICIDADE