Proxector enriquece a Rede galega con especiais sobre a divulgación máis actual

martes, 22 de marzo do 2022 S. P.

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura, compartiron con nós novidades relativas a Proxector, iniciativa web destinada impulsada este ano co obxectivo de acurtar as distancias entre a divulgación das máis variadas disciplinas e a cidadanía, ao tempo que aposta de cheo polo galego. Na súa nova andaina as dúas entidades redobran a súa aposta por achegar unha xanela directa a audiovisuais destinados á docencia en ensino medio e universitario, elaborados ou subtitulados en galego ou portugués.
Este fortalecemento do traballo e dos obxectivos materialízase na calidade dos especiais que se están a publicar, como, sen ir máis lonxe, o achegado este martes 22 de marzo con motivo do Dia Mundial da Auga e o Dia Meteorolóxico Mundial: un especial sobre O clima, o tempo e a auga. Trátase da terceira escolma de vídeos que nos ofrece Proxector dende a súa posta en marcha, xunto con Virus, epidemias e vacinas e Acentos que enriquecen o mundo. Día da Lingua Materna.
O CDSG sinala que os recursos destacados nos especiais forman parte dun repertorio completo que podemos consultar a través da clasificación temática da web ou mediante os distintos filtros de busca que propoñen dende o CDSG, que aproveita a presentación destas novidades para lanzar un convite a explorar a páxina e animarmos a achegar suxestións. Podemos remitilas a calquera das dúas entidades: cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.
Nova andaina
Impulsada en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, a páxina comezou o ano 2022 con novos folgos e, nun plano máis concreto, con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
Esta nova etapa de Proxector foi dada a coñecer en xaneiro por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O gran obxectivo, sinalaron, é “mostrar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de ensino medio”.
Importantes novidades
Segundo sinalaron daquela Álvarez e Feijoo, o portal vén este 2022 con “importantes novidades”. Dunha banda, “todos os vídeos están aloxados no repositorio creado polo do CCG, o que lle dá unha maior estabilidade e difusión”, explicaron, poñendo o foco noutro punto destacado do novo periplo virtual de Proxector: a súa expansión cara ao ensino secundario, o que lle vai permitir actuar “nuns ámbitos relevantes para a normalización lingüística, a ESO, o Bacharelato e o FP”, ámbitos onde por lei non é posíbel achegar determinados recursos na nosa lingua.
Os ámbitos temáticos son moitos e variados no portal (antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo), que se ben non produce contidos propios, ten capacidade para concentrar nun espazo único materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados, actuando deste xeito de punto de encontro divulgador. Por outra banda, achega aos estudantes especiais que agrupan materiais sobre aspectos de actualidade ou relevantes.
Funcionamento de Proxector
Os vídeos do portal están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregábeis que permitirán filtrar resultados. “Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma”, explicaron aos asistentes á presentación do portal.
Aínda que esta nova etapa conta con 600 vídeos, Proxector é un catálogo que está en continua actualización e está pensado para que a comunidade didáctica engada contidos.
Os comezos
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

PUBLICIDADE