Proseguen as presentacións de Mercadogalego.eu por toda Galicia

mércores, 17 de decembro do 2008 Raquel Noya

O delegado da Consellaría de Industria en Ourense, Xosé Antón Jardón, vén de presentar na cidade das Burgas o novo portal Mercadogalego.eu, un sistema de venda en liña destinada ao comercio galego que ten como finalidade permitir que os establecementos da nosa comunidade se inicien na venda electrónica. Esta web, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, é un sistema de venda na Rede para os comercios retallistas galegos que lle permite aos usuarios xestionar de xeito doado os seus produtos, pedidos, pagos e facturas de xeito virtual.
A aplicación conta cun equipo de profesionais que apoian aos comerciantes en todo o relacionado co funcionamento do sistema e que lles proporcionan o soporte preciso para acompañalos en todo o proceso.
A través de mercadogalego.com, aqueles comerciantes que o desexen, poden darse de alta e así xestionar os seus artigos, decidir as formas de pago, recibir os pedidos, emitir as facturas correspondentes e levar o control do seu espazo de xeito moi doado.
Os responsables da ferramenta aseguran que “é un xeito de iniciarse no comercio electrónico” e que a súa utilidade reside no feito de que “facilita que cada comercio atope o seu nicho de mercado correspondente na Rede”.
Asemade, afirman que a intención da web é “converterse nun portal de referencia en comercio electrónico tanto dentro como fora de Galicia”, unha dura tarefa para a que contan co apoio da Consellaría que dirixe Fernando Blanco.
Ademais de en Ourense, esta aplicación de orixe galego foi presentada nos pasados días en Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Monforte de Lemos, Lugo, Viveiro, Vigo, Riveira e A Coruña; e vai ser presentada esta mesma tarde perante os comerciantes do Barco de Valdeorras.

PUBLICIDADE