Proseguen as charlas do Ciclo Luis Asorey cunha conferencia sobre a dixitalización do sector leiteiro

martes, 16 de novembro do 2021 S. P.

A edición 32 do Ciclo de Conferencias Luis Asorey, que impulsan a RAGC e a Deputación de Lugo baixo o epígrafe Dixitalización do sector agrario en Galicia, prosegue este 17 de novembro cunha nova charla tecnolóxica na sede da institución provincial. Desta volta, a persoa encargada de impartir os contidos do ciclo será Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da USC, que achegará a partir das 19.00 horas a conferencia A dixitalización na produción de leite. Poderase seguir presencialmente e en streaming, a través da canle en Youtube da Real Academia Galega de Ciencias.
A charla destes 17 de novembro xirará arredor das tecnoloxías de precisión actuais con potencial para achegar grandes cantidades de datos no sector da produción de leite. Fouz adianta que estes recursos subministran información “moi valiosa na toma de decisións, permitindo pasar dunha toma de decisións intuitiva a facelo baseándose en datos, axudados por algoritmos ou pola Intelixencia Artificial, que manexando miles de datos, xeran posíbeis escenarios en base á información que van acumulando, algo tan sinxelo como precisar cando inseminar unha vaca en función do seu patrón de movemento”.
Ademais, o doutor en Veterinaria apunta que os investimentos en tecnoloxía teñen que reportar un retorno para o negocio, dado que a instalación de tecnoloxía non garante de forma automática melloras na xestión da granxa nin na súa eficiencia técnica. Tamén destaca que a súa implementación precisa dunha capacitación no uso da tecnoloxía, na xestión dos datos e nas propias habilidades de interpretar a información que subministran.
“Un dos principais motores do cambio cara unha maior tecnificación e dixitalización das granxas é a falta de man de obra, algo que non vai a mudar a curto prazo, polo que é importante entender como reconducir esta tendencia para que as granxas, a maiores de solucionar o problema inicial que motivou a tecnificación, poidan sacar o máximo beneficio da tecnoloxía”, explica. En definitiva, Foiuz Dopacio abordará estas cuestións para axudar a entender as potencialidades da dixitalización e os retos que supón a súa implementación nas granxas de vacún de leite.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio é licenciado en Veterinaria na especialidade de Produción Animal e Economía Agraria pola Universidade de León. É doutor en Veterinaria pola USC. Ademais, é especialista universitario en Mellora Xenética Animal pola Universidade Complutense de Madrid, e especialista universitario en Xestión e Dirección Comercial de Cooperativas e PEMES pola USC. Desenvolveu a súa carreira profesional en programas de reprodución, calidade de leite e racionamento de gando vacún durante oito anos, para pasar a xestionar o control leiteiro na provincia de Lugo, sendo coordinador do CEGACOL desde 2014. Na actualidade traballa como profesor da Área de Produción Animal na Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo da USC.
Nova edición do Ciclo Luis Asorey
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran a partir desta semana a 32 edición do Ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en fórmulas como as graxas intelixentes (smart farmings) ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
O ciclo está a ser coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, que explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia foi este luns 15 e versou sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030, que impartiu o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
Este martes 16 é a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falará de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, será o encargado o mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 será impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Na seguinte semana continuará o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que impartirá Jorge Seoane Brandariz, responsábel de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias está aberto.

PUBLICIDADE