Prosegue o itinerario pola nosa terra da mostra multimedia sobre Lois Pereiro

xoves, 26 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Lois Pereiro, o poeta de Monforte recentemente homenaxeado no Día das Letras Galegas, segue a ser fonte e xermolo de todo tipo de accións culturais e conmemorativas da nosa lingua e a nosa cultura, algunhas delas directamente relacionadas coas cuestións que artellan esta web: as novas tecnoloxías da información. Segundo nos informa o selo discográfico e editorial Ouvirmos dende o seu portal, Pereiro é o protagonista dunha instalación multimedia itinerante arestora aínda en activo e na que se poñen en xogo diversos recursos tecnolóxicos para favorecer o achegamento da mocidade á figura do poeta. A exposición, da que xa falamos nesta web, prosegue agora o seu periplo.
A mostra componse entre outras cousas dunha pantalla multitáctil de 56 polgadas que presenta un programa interactivo e dinámico sobre a vida e a obra do autor de Conversa Ultramarina. Asemade, inclúe un muro vertical con dúas pantallas incrustadas sobre o que se visualiza a liña temporal do escritor.
Tras pasar por Lugo, a exposición pode agora visitarse no IES Río Cabe de Monforte. Máis tarde, chegará ás bibliotecas nodais das principais vilas da nosa terra e institutos de Secundaria seleccionados. Para saber máis sobre o obxectivo e os itinerarios da exposición, cómpre visitar o espazo habilitado en Facebook.

PUBLICIDADE