Prosegue até o remate de maio o concurso de debuxo en liña O que ves dende a túa xanela

martes, 26 de maio do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha, durante a crise sanitaria e o confinamento máis estrito, un certame para estimular a creatividade das nenas e nenos en tempos de reclusión, ao tempo que se lles achegaba unha nova experiencia de imaxinación e comunicación. Estamos a falar do concurso de debuxo en liña O que ves dende a túa xanela, que estimula o talento das rapazas e rapaces da provincia menores de 14 anos para que compartan nas redes as paisaxes, urbanas ou rurais, que teñen a oportunidade de contemplar dende as súas fiestras. A Deputación informou de que o prazo de presentación de contribucións estará aberto até o 31 de maio.
A entidade provincial tamén fixo saber que o concurso está a ser un éxito de participación, xa que se recibiron arredor dun centenar de traballos, todos eles exemplos destacados de “calidade e variedade”, explicou a Deputación.
Tematicamente os debuxos non só amosan as vistas que teñen as autoras e autores dende os seus domicilios, senón tamén o que lles gustaría facer tras a crise sanitaria, onde varios e varias apostan por volver ao colexio e xogar coas súas amizades.
Este certame da continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación, Descubre a túa provincia, unha iniciativa que permitiu que as nenas e nenos participantes amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos da contorna pontevedresa e a súa riqueza turística. Neste caso, a novidade radica na participación en liña, debido á situación derivada da COVID-19.
As crianzas poden enviar ata o 31 de maio os seus debuxos a través do formulario dispoñíbel na web da institución provincial, con dúas opcións, ou ben mandar directamente a fotografía ou imaxe escaneada do debuxo (en formato PDF, JPG ou PNG) ou imprimir a lámina coa creatividade do concurso que está habilitada na web, facer nela o debuxo e fotografalo para remitilo tamén a través do mesmo formulario.

PUBLICIDADE