Prosegue a bo ritmo a mellora da seguridade na rede informática dos xulgados

venres, 24 de xuño do 2011 Raquel Noya

Logo de que en novembro de 2009 un incidente informático no Xulgado de Lugo deixara en evidencia a seguridade do sistema, a Xunta de Galicia púxose mans á obra para mellorar o equipamento e as infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego, e evitar así futuros fallos informáticos con consecuencias lamentables.
Con esta teima foi presentado, xa nese mesmo ano, o Plan de Medidas Urxentes, o primeiro paso para mellorar o sistema informático que dá servizo aos xulgados galegos, ao que lle seguiu o actual Plan Senda 2014, que ten como obxectivo integrar as TIC na Xustiza nun prazo de catro anos.
Xa no período 2009-2010, o Goberno galego investiu preto de 5 millóns de euros na mellora de servizos, equipamentos e infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial, e hoxe, segundo informan dende a Secretaría Xeral de Modernización, “catro dos seis requirimentos que formula a Axencia de Protección de Datos están resoltos, e os dous restantes están en marcha”.
No tocante ás medidas requiridas polo devandito organismo de protección de datos, a Administración autonómica xa habilitou un mecanismo que rexistra tódolos accesos aos procedementos xudiciais que están baixo o control directo do responsable de seguridade competente, e estableceu un procedemento para que os usuarios autorizados a entrar no sistema non poidan extraer información.
Tamén fixo posible que cando se executen procesos que poidan carrear una alteración ou perda da integridade da información, se establezan as medidas de seguridade ao respecto, e revisou e mellorou o control de acceso dos usuarios aos procedementos xudiciais.
O investimento previsto para este ano 2011 é do redor de 5 millóns de euros, que servirán, segundo informan dende o Executivo, “para continuar mellorando servizos, equipamento e infraestruturas tecnolóxicas na xustiza galega”.

PUBLICIDADE