Propoñen como exemplo de boas prácticas a nivel europeo ao Programa de Voluntariado Dixital

luns, 25 de febreiro do 2013 Redacción

Mar Pereira e Ovidio Rodeiro na posta en marcha do proceso formativo do programa

Dende a Administración galega iniciouse en 2012 un Programa de Voluntariado Dixital que busca contribuír á alfabetización dixital da nosa cidadanía, en todo un caso de éxito no que unen forzas a AMTEGA e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ou así o entende o Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais, que veu esta iniciativa como un exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC, polo que propúxoa á Comisión Europa para formar parte dun seminario Peer Review a nivel europeo.
Os seminarios Peer Review ou avaliacións por pares, son unha iniciativa para difundir entre os países membros iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise por parte de expertos nesa materia. No caso que nos ocupa, a visualización do Programa de Voluntariado Dixital debería canalizarse a través dun seminario en territorio español ao que se convidarán a representantes doutros países europeos, e que de resultar elixida a proposta estatal, culminaría nun encontro en Santiago de Compostela antes do verán, no que participarían expertos europeos en políticas de protección social e novas tecnoloxías que estudarían a efectividade da iniciativa galega que dende a súa posta en marcha contou co apoio de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores, 23 empresas do sector tecnolóxicos e 220 persoas que solidariamente adheríronse ao programa como voluntarios dixitais.

PUBLICIDADE