Proliferan na Rede os xogos para vestir e maquillar a persoas famosas

xoves, 8 de abril do 2010 Raquel Noya

Hoxe en día, calquera temática, por rara ou superficial que nos pareza, pode servir como argumento para elaborar un videoxogo ou unha película, polo que non é raro que nos atopemos con xente adita a xogos como o famoso Larry, no que os usuarios teñen que manexar a un retaco de home de medio metro dando voltas por un instituto para ligar a tódalas mozas que pille por diante e levalas á cama, ou ao máis recente Coking Mama de Nintendo, que polo visto fai que a cociña sexa “máis divertida”. A dicir verdade, son moitas as persoas que buscan protagonizar o seu propio videoxogo e Lady Gaga, como non podía ser doutra maneira, xa ten o seu, ao igual que o tivo Michel Jackson no seu día ou como o teñen os integrantes da última edición de Gran Hermano no noso país. Esta extravagante artista, denominada por moitos medios como a “última diva en Internet”, vén de lanzarse como moitos outros famosos á conquista dos videoxogos e xa se pode ver en moitas aplicacións en flash para xogar en navegadores, onde os internautas poden escoller o seu look, cambiándolle a roupa e a maquillaxe. En concreto, na páxina Dress Up Who, podemos dar con ducias de títulos do mesmo corte con personaxes distintos, dende bonecos xenéricos ata figuras tan populares como Pedro Picapedra ou a sensual Betty Boop, pasando por Angelina Jolie e a súa parella ou a polémica Britney Spears, que ten ata 6 aplicacións distintas para xogar a vestila e maquillala. Lady Gaga case iguala á súa colega de profesión con cinco videoxogos distintos nos que vestir á cantante e neles podemos retocar tódolos aspectos inimaxinables da boneca, dende as prendas de roupa ata os complementos e os peiteados. Asemade, pódese modificar a maquillaxe e cambiar a música de fondo. Porén na Rede tamén podemos atopar outras aplicacións máis traballadas que tamén usan a imaxe de Lady Gaga para protagonizalas. Trátase do xogo The Pokerisland Quest, unha aplicación na que a cantante debe percorrer unha illa evitando aos paparazzis e recollendo ítems, que foi creada o pasado ano para promocionar o tema Poker face.

PUBLICIDADE