Prohiben a venda dos iPhone 7, 7 Plus, 8 e 8 Plus en Alemaña

venres, 4 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A guerra de patentes entre Apple e Qualcomm está a ter consecuencias en territorio europeo, e tras depositar Qualcomm unha fianza de 1.340 millóns de euros, conseguiu que se fixeran efectivas as medidas ordenadas por un xulgado alemán o pasado día 20 de decembro, ao considerar que Apple infrinxiu patentes de Qualcomm relativas á tecnoloxía de aforro de enerxía usada nos iPhone, ou sexa, de xeito que tanto Apple como os seus revendedores terían prohibida a venda de iPhone en Alemaña, aínda que semella que esta medida afectaría unicamente aos iPhone 7, 7 Plus, 8 e 8 Plus, que actualmente xa non están presentes na páxina web da compañía de Cupertino nin nas súas tendas oficiais (mentres que cadeas como Gravis continúan a vender os terminais, pese ao mandato xudicial).
Dende Apple aseguran que os esforzos de Qualcomm para prohibir a venda dos iPhone é un intento de desviar a atención dos auténticos problemas entre ambas compañías, á vez que acusan a Qualcomm de querer cobrar taxas desorbitadas polas súas patentes (sobre as que tamén expoñen dúbidas).

PUBLICIDADE