Prohiben Wish en Francia pola venda de produtos perigosos

xoves, 25 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Bruno Le Maire foi o encargado de anunciar as sancións excepcionais contra Wish

O ministro de Economía francés, Bruno Le Maire, anunciou medidas excepcionais contra a aplicación Wish, aplicación para móbiles a través da que se comercializan moitos produtos considerados perigosos, que baixo ningún concepto poderían venderse en establecementos físicos, de aí que consideren inxustificable a súa venda a través de tendas en liña, polo que ordenan aos buscadores de Internet e ás tendas de aplicacións móbiles a retirada de Wish.
Esta decisión das autoridades francesas chega tras un par de investigacións nas que comprobaron que a meirande parte dos produtos comercializados por Wish eran ilegais e perigosos. Concretamente determinaron que o 95% dos xoguetes eran ilegais e o 45% perigosos; no caso dos dispositivos electrónicos o 95% serían ilegais e o 90% perigosos; e incluso no caso da bixutería o 62% dos produtos serían perigosos.
As autoridades tamén comprobaron que Wish non cumpría a súa obriga de retirar do mercado os produtos perigosos como require a súa condición de distribuidor, e tras instar á compañía a cumprir coa lexislación vixente, a súa inacción levou a que impuxeran unha sanción excepcional que consiste na retirada da web de Wish dos motores de busca e da súa aplicación móbil das tendas de aplicacións.
Aínda que estas medidas aplicadas en Francia sexan sorprendentes, non sería de sorprender que nos vindeiros meses tivesen eco no resto de países europeos, xa que as normas de Consumo son semellantes, e está claro que Wish é unha plataforma de comercio electrónico que non resulta fiable e incluso pode supor riscos para a saúde por produtos electrónicos inseguros (por defectos de fabricación e de deseño) e moitos outros produtos fabricados con materiais que poden provocar alerxia e incluso ser canceríxenos.

PUBLICIDADE