Prognostican unha suba do 4% nas vendas de produtos tecnolóxicos

luns, 7 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A industria TIC comeza o ano con bo pé. Ou iso parece. Ou, mellor dito, iso nos contan dende Consumer Electronics Association (CEA), que no seu máis recente informe prognostica que o gasto en produtos tecnolóxicos, a nivel mundial en 2013, acadará os 1,1 billóns de dólares, o que significa un catro por cento máis ca no ano que vimos de deixar atrás. Os grandes culpábeis disto serán, como é de supor, os tablets e os smartphones, que serán quen de turrar, eles sós, da recuperación de todo o sector: tanto a nivel de vendas de aparellos como no potencialmente rico ámbito de desenvolvemento de aplicacións. Deste xeito, agárdase que ao longo deste ano o mercado tecnolóxico medre nos países emerxentes até nun 9 por cento, e nos desenvolvidos un 1 por cento.
Calcúlase que as vendas de teléfonos móbiles smartphones producirán máis de 330.000 millóns de dólares en 2013, e 87.000 os tablets. Para facérmonos unha idear da demanda que hai destes aparellos en países como Estados Unidos, estímase que en 2013 haberá un tablet en catro de cada dez fogares estadounidenses. Segundo se fai saber no informe, a clave de todo este crecemento está en algo tan sinxelo e definitivo como a baixada nos prezos. Ou sexa, que se incrementou a oferta de trebellos e os prezos baixaron, proceso de que saímos beneficiados os usuarios.

PUBLICIDADE