Profesionais galegos salientan en Lugo o potencial da Web 2.0 para o medre das empresas

xoves, 22 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Se na construción da Rede contribuímos un pouco todas e todos, non sería lóxico que as empresas que están na Rede nos permitisen participar con elas? Do mesmo xeito, se na Internet se fala claramente (en virtude desta concorrencia activa de usuarias/os), por que non vender claramente? A Web 2.0 xa non se anda con bromas, e quen aposta polo máis directo e pola comunicación total (usando toda canta rede social se poña diante) xa ten unha parte do camiño empresarial feito. Poñer sobre a mesa as moitas vantaxes da Rede 2.0 en materia de medre e captación de clientes foi un dos grandes obxectivos da sexta xornada do Proxecto ETIC (Web 2.0, moda ou realidade empresarial?) que organizaron este xoves pola tarde a Sala de Innovación Tecnolóxica da Fundación CEL (SITE) e a Obra Social Caixa Galicia (co apoio da Secretaría Xeral de Modernización).
A rolda de participantes, que coincidiron no potencial da socialización da Internet para captar mercado dunha maneira económica e eficaz, deu comezo con Juan Carlos Díaz, director técnico da firma lucense Innova Galicia Networks Solutions, orientada á achega de servizos tecnolóxicos para empresas, administracións e particulares.
Na súa intervención, Díaz salientou datos proveitosos sobre o devandito potencial da Internet 2.0: trátase da primeira fonte de información dos españois e inclúe aplicacións con ampla marxe para a intervención, como por exemplo Flickr, YouTube, Wikipedia ou Twitter. Asemade, o relator fixo un percorrido polo éxito colleitado por determinadas empresas galegas 2.0, como por exemplo a de Porco Celta.
Tamén estivo en Lugo Mariano Munuera, de BAP Interactive, a división para proxectos multimedia da axencia de publicidade galega BAP & Conde, coa que se introduciron na publicidade en Internet. Munuera explicou en detalle como se poden construír marcas e establecer a mercadotecnia relacional a través do novo espazo, que denominou “a maior tertulia pública do mundo”. Afondou ademais nas ferramentas de control da reputación na rede: socialmention, menéame, BlogPulse, as alertas de Google, etc.
Polo que respecta ao caso práctico, dicir que correu a cargo de Rodolfo Alonso Albella, socio director da primeira rede social xurídica de fala hispana, Pleiteando.com, unha iniciativa innovadora que se está a pór en funcionamento dende o viveiro da Fundación CEL dende febreiro deste ano e que axiña se vai lanzar en aberto.
As charlas tiveron lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo das 19:00 ás 21:00 horas, clausuráronse co sorteo entre os inscritos dun disco duro multimedia cargado con varios aplicativos libres cos que montar unha rede social.
A vindeira e última xornada do Proxecto ETIC, Implantación das TIC no medio rural, celebrarase o 19 de novembro.

PUBLICIDADE