Profesionais do eido TIC asinan en Santiago un manifesto para fortalecer a Galicia no mundo a través da Sociedade da Información

xoves, 9 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Cómpre deixar atrás os prexuízos e a vergoña e crer de verdade nas nosas posibilidades, que son moitas. Esta é unha das conclusións que se poden tirar do acto de sinatura do Manifesto a prol do desenvolvemento da Sociedade da Información asinado este xoves na Casa de Europa da Universidade de Santiago.
Esta iniciativa, que como seu propio nome indica vai encamiñada a apertar os nós da Sociedade do Coñecemento na nosa terra, está a ser promovida pola USC, o Foro e-Gallaecia e unha serie de profesionais galegos relacionados coas novas tecnoloxías da información. Os asinantes, entre os que se atopan Senén Barro (reitor da USC) e Marcelo Castelo (presidente do dito Foro), fixeron fincapé no moito que están a reordenar as redes da información as tradicionais disposicións de privilexios xeográficos, permitindo que abrollen economías puxantes dende calquera parte do planeta.
Polo tanto (sinalan), resulta imprescindible para Galicia aproveitar esta oportunidade que brinda a Sociedade da Información para partir por vez primeira dunha posición de franca vantaxe no obxectivo ambicioso, pero realizable, de situarse en lugares de vangarda económica. Estas son algunhas das reclamacións concretas dos asinantes (collémolas dunha ampla listaxe de propostas):
· A creación dun Observatorio da Sociedade da Información na nosa terra, en liña coas Comunidades Autónomas e as rexións europeas.
· Pacto entre tódalas forzas políticas representadas no Parlamento galego.
· Máxima implicación do Goberno galego para “converter á Sociedade da Información nun obxectivo prioritario para Galicia”.
· Chegar ó 7% do investimento na Sociedade da Información en relación co Produto Interior Bruto galego en 2010, “realizándose para iso, e xa dende 2007, un orzamento crecente e nunca inferior á media dos investimentos públicos destinados polo resto das comunidades autónomas”.
· Incrementar de xeito considerable as achegas en formación tecnolóxica en tódolos niveis educativos, “e tamén na formación permanente dos traballadores como elemento crucial para un meirande e máis sostible desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia”.
O caso Blu:sens
Durante o acto de sinatura do Manifesto, José Ramón García González, presidente da empresa compostelá Blu:sens, exemplificou dalgunha maneira un caso de éxito no eido tecnolóxico e dende un espazo xeográfico concreto que non adoita a saír nos análises da actualidade como “cabalo gañador” nin tan sequera como “posible promesa”: Galicia. A empresa Blue:sens (xunto con outras tamén galegas e –tamén- asinantes do Manifesto) vén de desbaratar estes prognósticos, poñéndose como líder a nivel estatal en venda de MP3 e semellantes. Mais, para García González o seu caso non é único, e é posible ter éxito dende calquera “subsector” do sector tecnolóxico, mesmo dos que venden pura e simple información ou, en termos xenéricos, intanxibles. “Hai grandes posibilidades de crecemento en Galicia”, engadiu, e aproveitou para pedir o apoio das administracións e de tódolos sectores económicos galegos, co fin de que crean no noso. Ó seu xuízo, estar en Madrid non é mellor ca estar en Santiago, xa que estratéxica e xeograficamente os galegos non temos limitación algunha. “Unicamente hai que ter confianza”, dixo.

PUBLICIDADE