Procédese á dixitalización de 8.600 documentos do fondo de Isaac Díaz Pardo

martes, 29 de maio do 2012 Raquel Noya

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou un convenio coa Fundación Telefónica para a colaboración na dixitalización de fondos bibliográficos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a dixitalización de 8.600 documentos do fondo que Isaac Díaz Pardo depositou na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, o que permitirá a súa preservación, posta en valor e difusión.
Neste fondo atópanse as obras das coleccións Camilo Díaz Baliño (escritor, artista gráfico e intelectual galego) e Manuel Chamoso Lamas, insigne arqueólogo e escritor tamén de orixe galega, que serán obxecto de dixitalización de acordo cos termos recollidos no convenio.
Entre os documentos que se procederán a dixitalizar no marco deste convenio, atópase correspondencia privada, telegramas, fotografías, escenografías, debuxos, pergamiños, deseños de carrozas, carteis, pinturas e mesmo textos dedicados, así como documentos da Guerra Civil, tales como folletos ou discursos.
Para garantir a súa calidade, informan dende o Executivo que tódolos documentos “dixitalizaranse a 24 bits de cor e unha resolución mínima de 400 ppp”.
Isto permitirá que, ademais de facilitar a conservación e xestión dos arquivos, se poida acceder á información que conteñen, e consultar ou manipular as copias dos mesmos.
Asemade, segundo informan dende a Xunta, desenvolverase a normativa internacional recomendada para a interoperabilidade entre repositorios dixitais “o que permitirá a participación da Biblioteca de Galicia en proxectos europeos, así como a consulta online dos materiais de dominio público, non suxeitos a dereitos ou cos dereitos debidamente xestionados”.

Valiosa colección documental

O material reunido de Camilo Díaz Baliño polo seu fillo, Isaac Díaz Pardo é, segundo nos contan os responsables da súa inminente dixitalización, “dunha riqueza documental valiosísima”, conta con 200 fotografías, unha pequena biblioteca persoal, 100 cartas, debuxos e relatos orixinais, 10 albumes elaborados por Camilo Díaz que recollen toda a súa actividade profesional en América como escenógrafo e documentos persoais.
Dos máis de 8.000 documentos que se van a dixitalizar a través deste convenio con Telefónica, o máis salientable son os debuxos, a correspondencia orixinal - cartas, cablegramas, telegramas - dirixida a importantes persoeiros como Castelao, Vicente Risco, ou Paz Andrade, entre outros, e as fotografías de familiares e amizades do autor.

PUBLICIDADE