Prisacom poderá mercar a web de videoxogos Meristation

xoves, 15 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Meristation, con 10 anos de vida é a web de referencia do mundo dos videoxogos en español, e agora pasará a formar parte do Grupo PRISA, pois Prisacom adquirirá o medio valéndose dun acordo que firmara cos responsables da web en 2002 despois de que o Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Xirona ditara sentenza a favor do grupo multimedia, pois Meristation Magazine incumpriu os termos do contrato subscrito por ambas sociedades.
Agora Meristation deberá iniciar as actuación precisas para que se poida efectuar a compra pactada con Prisacom, e a propia publicación dixital deberá indemnizar a Prisacom por danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato. O conflito entre as partes iniciouse a primeiros de 2007, cando os titulares de Meristation non quixeron aceptar a opción de compra que PRISA tiña sobre a súa publicación.
Con esta adquisición o Grupo PRISA reforzará a súa oferta informativa na Internet, aínda que se descoñece se continuarán os colaboradores actuais tralo cambio de propietarios.

PUBLICIDADE