Primeiros apoios na Rede á creación dunha rede popular de escolas en galego

martes, 21 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Falabamos o outro día dunha iniciativa xurdida na Rede para sentar as bases dunha alternativa privada ao modelo de ensino público que moi probablemente defenda nos vindeiros anos o Goberno de Feijoo: un sistema, ceibo xa do decreto do galego aínda vixente, no que non se esixa un mínimo de materias a impartir na nosa lingua. A idea do blog Limiar era precisamente a de facer uso da Rede para convocar o máximo número de apoios co obxecto de poñer en marcha dende o autofinanciamento esta rede popular de escolas en galego, un xeito non público de manter acesa a chama das galescolas, xa en perigo de desmantelamento. Pois ben, hai novidades sobre a iniciativa: en cinco días dende a súa posta en marcha (a día de hoxe martes 21 de abril), xa acadou case o 4% dos apoios precisos para que sexa unha realidade, contándose ademais coa apertura dun espazo en Facebook onde máis de 200 internautas amosaron a súa vontade adscribirse ao proxecto, e a cifra segue subindo.
Estas novidades, por certo, están a ser reflectidas tamén en Chuza!, onde se xerou xa un interesante debate sobre a comenencia ou non de poñer en marcha unha rede de escolas privada mentres a tendencia supostamente debera ser a contraria, que todo sistema educativo que defendese a cultura propia do pobo no que se insire fose público.
Lembrar que a base da proposta sería a de partir dun número mínimo de apoios (3.000) para acadar un orzamento anual de 300.000 euros anuais e habilitar un escola infantil que, logo de ser costeada polos seus usuarios, poida recuperar o investido e sirva para poñer a primeira pedra do seguinte centro educativo.
Na imaxe, interior dunha galescola visto na web de Galizia CIG.

PUBLICIDADE