Primeira sentenza contra Rojadirecta

martes, 22 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A causa xudicial contra Rojadirecta está a inclinarse a favor dos denunciantes, de xeito que a páxina web galega coñecida por facilitar o acceso a ligazóns a retransmisións deportivas podería ter os días contados, cando menos se atendemos á resolución do xulgado do Mercantil nº 2 da Coruña, que vén de declarar que tanto Igor Seoane como a empresa Puerto 80 Project SLU, responsables de Rojadirecta, violaron os dereitos de propiedade intelectual, polo que condénaos a cesar de subministrar ligazóns que dean acceso «en directo ou en modo lixeiramente diferido» de partidos de fútbol producidos ou emitidos polas demandantes (Mediapro e Gol Televisión) na actual ou en futuras tempadas, detallando que a medida afectaría a Rojadirecta como a «calquera outra páxina web que os demandados puideran utilizar en iguais termos, ou que redirixa á mesma».
A condena confirmaría as medidas cautelares que se fixeron efectivas a primeiros de ano, pero engade que a actividade de Seoane causou danos a Mediapro e Gol Televisión, polo que estaría «obrigado a indemnizalos», estando tal contía pendente de determinarse.
Cómpre destacar que a sentenza non é firme, nin tampouco é a única causa contra Rojadirecta, polo que nos vindeiros meses o tema promete seguir de actualidade.

PUBLICIDADE