Preto dun cento de actividades na Rede CeMIT celebran en febreiro o Día da Internet Segura

martes, 11 de febreiro do 2020 Redacción

A AMTEGA e a Rede CeMIT súmanse un ano máis á celebración do o Día de Internet Segura, con preto dun centenar de actividades durante o mes de febreiro cunha duración de máis de 500 horas. Este ano a data celébrase baixo o lema Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprenderemos ciberseguridade. Algunha das actividades ofertadas durante este mes de febreiro en colaboración cos aliados dixitais son as seguintes:
– Charlas gratuítas de concienciación en ciberseguridade do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) en colaboración con Cibercooperantes sobre temas como a privacidade, o ciberacoso ou o uso seguro e responsable das TIC nas aulas de Fisterra e Betanzos, e á que se continúan a sumar novas aulas.
– Ciclo de seminarios online do aliado dixital Federación Galega de Asociacions Universitarias Séniors (FEGAUS) sobre:
· Letra pequena en Internet. Que esconden as condicións de uso, cookies, etc.
· Como usar o DNI electrónico e o DNI 3.0 (lector e smartphone)
· Trámites online con certificado dixital
· Copias de seguridade e consellos de uso do certificado dixital
· Como utilizar o certificado dixital e o DNI 3.0 no teu móbil
· Firma de documentos electrónicos co teu certificado dixital
– Curso sobre privacidade na Internet e dispositivos móbiles da aula CeMIT de Cuntis en retransmisión ás aulas de Pontevedra e Arzúa, onde se traballará sobre a protección de datos nas redes sociais e dispositivos móbiles.
– Charla sobre ciberseguridade en colaboración co aliado dixital Gradiant, onde exporanse casos reais de problemas por falta de seguridade en Internet, e ensinaranse as medidas para protexerse.
A Rede de aulas CeMIT leva traballando sobre o uso seguro de Internet desde a súa posta en marcha no ano 2011 e, concretamente, durante o ano pasado realizáronse máis de 500 actividades e máis de 6.000 horas de formación que trataron directamente a temática da seguridade e privacidade en Internet e outras nas que este aspecto é clave como coma as compras por Internet, uso de dispositivos móbiles, xestión de redes sociais, contratación de viaxes, trámites online e sinatura dixital, certificados dixitais, etc.

PUBLICIDADE