Preto dun centenar de persoas participan nas clases de alfabetización dixital nas parroquias de Ames

martes, 28 de setembro do 2021 S. P.

No concello de Ames, os centros sociais das parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño acollen estes días un programa formativo para rachar coa fenda dixital que segue a discriminar á poboación do rural con respecto á que vive en espazos urbanos, e que se ceba especialmente na xente maior, tanto en Ames coma nos restantes municipios da nosa terra. Estas clases de de alfabetización dixital nas parroquias, unha das medidas achegadas pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos do ano 2020, benefician a 90 persoas.
A iniciativa vén da man da Concellaría de Cultura en colaboración coa concellaría de Economía e Facenda. A concelleira de Cultura, Natividade González, asistiu ás primeiras clases en Agrón e Trasmonte. “É todo un orgullo comprobar como os nosos e as nosas maiores se interesan por estar ao día e non quedarse á marxe da vida dixital. A proposta destes cursos de alfabetización xa nos parecía interesantísima cando xurdiu como proposta nos Orzamentos Participativos; porén, comprobar in situ a ilusión e o interese co que o alumnado comezou as clases, fainos pensar que a nosa é unha sociedade realmente saudable”, manifestou a edil de Cultura Natividade González, logo de acudir as primeiras clases que se impartiron en Agrón e Trasmonte.
Segundo engadiu, as clases (iniciadas hai dúas semanas) están a desenvolverse con normalidade “e a bo ritmo” en todas as parroquias. Agrón e Trasmonte foron as primeiras en comezar, seguidas de Bugallido e Biduído, Auga Pesada e Covas, Tapia e Ameixenda e Ortoño. Dez prazas en cada unha das parroquias até completara as 90 que ofrecía o programa. Unha parte importante do alumnado son mulleres.
As clases estenderanse desde setembro até decembro, a razón de dúas horas semanais, até completar as 25 horas prácticas que establece o programa. O alumnado adquirirá formación en ofimática básica, navegación por Internet, almacenamento na nube, correo electrónico, seguridade na Rede, redes sociais e uso de dispositivos móbiles e aplicacións básicas destes dispositivos.
O obxectivo principal deste programa é “familiarizar aos veciños/as co uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación mostrando como incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado”.

PUBLICIDADE