Preto do 70% dos habitantes da Terra Chá teñen cobertura de Internet de banda larga

martes, 15 de maio do 2012 Redacción

O Plan de Banda Larga de Galicia permitiu que preto do 70% dos habitantes da comarca da Terra Chá conten xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2 Mbps de velocidade, segundo datos que deron a coñecer no día de hoxe en Vilalba, co gallo da visita ao municipio chairego do Roadshow Movistar Galicia, que está a achegar as vantaxes e utilidades do emprego de internet entre a poboación rural.
A xefa territorial de Presidencia da Delegación Territorial de Lugo, Marta Barreiro, acompañada polo concelleiro de Deportes de Vilalba, Jesús Bermúdez, visitou as instalacións da devandita aula móbil e indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste plan nótase na cobertura que permitiu en zonas de dispersión xeográfica como algúns concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste plan se multiplicou a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes.
O Plan de Banda Larga está a ser un piar fundamental para facilitar a superación do illamento xeográfico, segundo expuxo Barreiro, que resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta, que xa ten permitido garantir Internet a preto do 30% dos veciños da Terra Chá que non tiñan acceso á rede.
No caso de Vilalba, indicou a xefa territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a preto de 2.100 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón que preto do 91,5% dos vilalbeses dispoña xa de cobertura de calidade. As previsións do departamento autonómico é que esta chegue á práctica totalidade do concello a finais de 2013, empregando conexión vía satélite nos lugares de máis difícil acceso.
Para o caso en xeral da comarca chairega a mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate do ano 2013 a práctica totalidade da poboación da Terra Chá disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.

PUBLICIDADE