Preto de 70 títulos en galego estarán dispoñibles ao longo do ano en Netflix

martes, 15 de marzo do 2022 S. P.

O galego avanza nas plataformas audiovisuais, se cadra non tan rápido como nos gustaría, pero este 15 de marzo a nosa lingua deu un chimpo neste ámbito ao anunciar a Consellería de Cultura e Educación a incorporación ao catálogo dunha das plataformas máis populares e estendidas, Netflix, de preto de 70 títulos en galego. Farano ao longo do ano, grazas ao colaboración da compañía de vídeo baixo demanda e a Xunta de Galicia.
Este traballo conxunto materializarase co subtitulado dunha selección de series e películas internacionais e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares.
A Xunta sinalou que esta iniciativa é posible despois de varias conversas que o Goberno galego mantivo cos representantes da compañía estadounidense en España na procura “do obxectivo común de levar a lingua galega ata o mundo da televisión á carta”.
Deste xeito, durante os vindeiros meses Netflix incorporará unha selección de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total, esta escolma de produtos audiovisuais representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas en galego, catalán e éuscaro (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).
A Consellería explicou tamén que “os títulos non se publicarán todos á vez, senón a medida que vaian estando dispoñibles no servizo, de maneira que a selección completa deste ano estará lista para finais do 2022”. O departamento de Román Rodríguez engadiu que unha vez que os contidos estean pendurados na plataforma “os subtítulos e dobraxes en galego serán permanentes mentres a película ou serie se manteña no catálogo ofertado”.
Os subscritores que Netflix mantén en ata 190 países de todo o mundo poderán gozar dun conxunto de series e películas en lingua galega, entre as que destacan títulos como Emily en París e vindeiras estreas como The Mother, Garra, Sandman ou a versión de Pinocho que Guillermo del Toro estreará na plataforma a finais de ano.

PUBLICIDADE