Preto de 4 millóns de euros en axudas a comercios para avanzar na innovación e a dixitalización

venres, 4 de setembro do 2020 Redacción

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe en Santiago de Compostela o establecemento La Curiosa, un dos 523 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por preto de 4 millóns de euros que vén de conceder a Xunta coas que se mobilizarán máis de 6 millóns de euros no impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización.
A través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión.
Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.
Así, en concreto, apóianse máis de 1000 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven 444 comerciantes e artesáns; 71 proxectos de modernización integral dos locais; 67 de adquisición de equipamentos; así como 18 proxectos de expansión comercial e 5 proxectos pop up.
La Curiosa, establecemento situado no casco histórico compostelán, presenta unha oferta centrada na venda de conservas de marca propia e viños que complementa coa realización de catas e degustacións. Neste ano ten realizado unha decidida aposta pola súa imaxe física e dixital, poñendo en marcha no marco deste programa diferentes actuacións de mellora da venda en liña, márketing 4.0, xestión de redes sociais, interiorismo e decoración.

PUBLICIDADE