Preto da metade das PEME estatais non tira partido das ferramentas dixitais para promoverse

xoves, 7 de maio do 2015 Redacción

As novas empresas invisten en comunicación e mercadotecnia en liña dende o primeiro intre en que deixan de ser ideas ou proxectos para convertérense en empresas. E fano contratando a un profesional específico para estes cometidos ou ben a través dunha axencia. No outro extremo sitúanse as pequenas e medianas empresas que non son novas nin están ligadas a ámbitos claramente innovadores. Aproximadamente a metade destas non conta con nada do devandito: nin apostan por ter un profesional que se adique á comunicación e á mercadotecnia en liña nin delegan estes servizos noutra empresa. Estes e outros datos aparecen reflectidos nun estudo de Oak Power que fixo público os pasados días a axencia EFE.
Na investigación, sinala Oak Power, participaron 300 empresas con menos de 250 traballadores e un volume de negocio anual inferior a 50 millóns de euros. O informe sinala que o 45% das firmas enquisadas non conta aínda con departamento propio que se encargue de xestionar as devanditas áreas. No que se refire a ferramentas TIC, o 43% das empresas afirmou que no seu negocio non hai un profesional que xestione e se ocupe de maneira específica da mercadotecnia en liña. Segundo engaden os responsábeis da investigación, só o 54% das entidades estudadas asegura estar presente nas redes sociais. Entre os motivos principais desta non concorrencia sitúanse os seguintes: supoñen un custo engadido (31%), non as consideran necesarias para a súa actividade (21%), actualizalas require demasiado esforzo en comparación co beneficio que ofrece (19%) ou consideran que pode resultar contraproducente para a súa actividade (17%).

PUBLICIDADE