Press Button, nova revista de investigación sobre videoxogos

mércores, 16 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Temos nova publicación ligada ao eido dos videoxogos, aínda que desta volta adoptando un punto de vista de reflexión e investigación. Ou sexa, pouco que ver (por exemplo) coas nosas páxinas sobre lecer tecnolóxico e consolas, onde procuramos ir ao gran e cinguirnos sen máis á presentación de novos produtos (e facendo fincapé, sempre, no que xorde dende a nosa terra). A nova publicación chámase Press Button, e defínese a si mesma como unha revista de investigación enfocada ao eido do videoxogo. Conta cun comité científico composto por docentes universitarios e expertos para avaliar a fondo os contidos. Ou sexa, que a cousa vai en serio e nunca mellor dito.
O proxecto xurdiu co comezo deste ano e todo el semella que estivo sometido a un rigoroso proceso de control de calidade. Tras superar diversas etapas, vén de chegar á súa primeira convocatoria oficial. O seu obxectivo é “acoller investigacións académicas de rigor que afonden no coñecemento do videoxogo desde distintos enfoques, xa sexa como medio, como obra de arte ou como peza de software, entre moitos outros”. A primeira convocatoria de Press Button (unha chamada colectiva de artigos para abrir fogo) veu da man da plataforma ZehnGames e a idea é publicar o primeiro volume en setembro, para comezar en formato dixital.
Nesta chamada inaugural, informan os seus responsábeis, a revista adoptou o formato de temática aberta. Ou sexa, que non se impoñen limitacións en canto á cuestión que deben desenvolver os artigos. De feito, o principal requisito para a acollida e posterior avaliación dos manuscritos será que fagan dos videoxogos o obxecto central do estudo. As bases para participar en Press Button serán publicadas na web de ZehnGames. Lembrar que ZehnGames é unha plataforma para a investigación e o desenvolvemento do videoxogo que conta “cun nutrido equipo de colaboradores”.
Segundo se fai saber nos estatutos da nova publicación, Press Button contará con dúas publicacións por ano cada seis meses, sendo o seu carácter “eminentemente científico e pedagóxico”. A súa finalidade é dobre, por unha banda facilitar aos mozos investigadores unha oportunidade de divulgar as súas achegas e por outro, a divulgación do coñecemento do videoxogo a nivel nacional e internacional. A revista preséntase inicialmente nun formato, o dixital, aloxado na dita web de ZehnGames, aínda que non se descarga nun futuro a edición impresa.

PUBLICIDADE