Presenza galega no Encontro de Bloggers do Fórum Gastronómico de Girona

xoves, 29 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Segundo informa Manuel Gago no seu caderno en liña, vense de facer público o programa da segunda edición do Encontro de Bloggers do Fórum Gastronómico de Girona, unha xuntanza blogueiro-comensal que ben se pode considerar a inspiración da celebrado o ano pasado en Santiago. O dito evento catalá, inserido nun escenario máis amplo (o do Fòrum Gastronòmic), apóiase nun marco de novo cuño: o de non entender xa a cociña sen a promoción a través das canles dixitais e a participación dos seareiros-internautas.
Este enxalzamento do espírito blogger, programado para a tarde do sábado 21 do mes que vén, celebra así unha redistribución do papel de cliente (agora cada gastrónomo/a está en liña co resto de gastrónomos, favorecendo/a o fluxo de opinión e un achegamento máis veraz á realidade de cada establecemento e/ou cociñeiro). Así se fai saber no programa, abertamente dirixido a concentrar baixo un mesmo teito, o do Palau de Fires i Auditori Palaude Congressos de Girona, ao meirande número de bitacoreiros.
O caso é que o encontro terá presenza galega: a do propio Manuel Gago, que participará na xornada falando dos blogs como nova dimensión da comunicación gastronómica.
Asemade, está prevista a concorrencia de Francesc Guillamet e Maribel Ruiz de Erentxun, fotógrafos gastronómicos; Marc Cuspineda, cociñeiro, estilista fotográfico e colaborador de elBulli; Joan Gómez Pallarès, editor de De vinis e Roberto González, editor de El Pingüe.
Por certo que para participar na xuntanza blogueiro teremos que cumprir un único requirimento: contar con caderno propio e activo dende setembro de 2008.

PUBLICIDADE