Presenza TIC nas vinte empresas excelentes dos indicadores Ardán

venres, 22 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Consorcio da Zona Franca de Vigo distinguiu onte o espírito innovador, a excelencia e as contribucións económicas e sociais de vinte empresas da nosa terra. Todas elas foron incluídas entre as 1.900 firmas galegas que recibiron este ano algún dos indicadores dos nove que outorga o servizo de información empresarial do Consorcio, o servizo Ardán. As vinte que recolleron onte cadanseus galardóns, entre as que se atopaban varias empresas TIC (Aldaba, Marine Instruments, MestreLab ou Tarlogic) obtiveron entre catro e cinco dos devanditos indicadores. No acto participaron unhas 300 persoas dos eidos empresarial e institucional.
Tamén participou o delegado do Estado, David Regades, quen salientou que “as empresas con indicadores Ardán destacan polas súas competencias diferenciais que as fan máis dinámicas, con alta capacidade de resposta e adaptación ás esixencias do mercado”. Amais, dixo, incrementan a competitividade global de Galicia, atraen e reteñen talento e investimento, e xeran emprego e riqueza. Regades, quen precedeu na súa intervención á conferenciante Elsa Punset, tamén apuntou que a composición dos persoais destas “empresas excelentes” é máis equilibrada cá media galega en cuestión de xénero, “xa que o 49% dos seus persoais está formada por mulleres”.
Pola súa banda, a comunicadora e escritora, Elsa Punset, falou sobre a importancia da intelixencia emocional en todos os aspectos da vida, incluída a xestión empresarial. Como ferramenta para o cambio positivo Punset dixo que “temos un gran aliado para aproveitar as oportunidades que nos brinda esta revolución tecnolóxica, a nosa mente”. O acto rematou cunha intervención o alcalde e presidente do Consorcio, Abel Caballero, e a entrega dos diplomas acreditativos aos xestores destas 20 empresas, que foron as seguintes:
· Akwel Vigo Spain (cinco indicadores: Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Innovadora/Empresa Igual en Xénero).
· Aldaba Servizos Profesonais (catro indicadores: Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Innovadora)
· Alibos Galicia (cinco indicadores: Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Innovadora)
· Carpintería Metálica ALUMAN (catro indicadores: Gacela/Empresa Global/Empresa Innovadora/Empresa Circular)
· Comunidade Campus (catro indicadores: Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada)
· Construcións Cresbo Barros (catro indicadores: Gacela/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· FITOGA (catro indicadores: Gacela/Alto Rendemento/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· Kinarca (cinco indicadores: Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Innovadora)
· Maramar Seafood 2006 (catro indicadores: Gacela/Alto Rendemento/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· Marine Instruments (catro indicadores: Alto Rendemento/Ben Xestionada/Empresa Global/Empresa Innovadora)
· MestreLab Research (catro indicadores: Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Empresa Global/Empresa Innovadora)
· Metalyeso (catro indicadores: Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada)
· NODOSA (catro indicadores: Gacela/Empresa Global/Empresa Innovadora/Empresa Circular)
· Nuriclima Galicia (catro indicadores: Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· Otamar, Estación de Servizos (catro indicadores: Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Empresa Innovadora)
· Placas Norte (cinco: Gacela/Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· Rodamientos Vigo (catro: Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Empresa Global/Empresa Innovadora)
· Rodicut Industry (catro: Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Ben Xestionada/Empresa Global)
· Sistemas de Almacenaxe de Galicia (catro: Alto Rendemento/Xeradora de Riqueza/Alta Produtividade/Ben Xestionada)
· Tarlogic Security (catro: Gacela/Alto Rendemento/Ben Xestionada/Empresa Innovadora)


PUBLICIDADE