Preséntase na nosa terra De Twitter al cielo, un libro para sacarlle punta á rede social

mércores, 22 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación de Alumnos da Escola de Negocios da Fundación Novacaixagalicia presentou esta semana, na súa sede de Vigo a publicación De Twitter al cielo, un libro que, como o seu nome indica, diríxese a a pór de relevo as múltiples posibilidades da redes social no camiño da promoción e a comunicación, persoal ou empresarial, unha iniciativa ou dun produto concreto. Ou sexa, as múltiples posibilidades de acadarmos a excelencia a través de Twitter. Na presentación, que veu acompañada dun obradoiro a cargo do co-autor da obra Óscar del Santo (un obradoiro para pór en práctica os consellos recollidos na publicación), fíxose fincapé nunha vantaxe incontestable: que Twitter ten un auditorio, e non precisamente pequeno. De feito, só en España, hai máis de cinco millóns de persoas tirándolle partido. Por certo que hoxe preséntase tamén na Coruña.
Asemade, o acto de Vigo fíxose fincapé en que o devandito servizo 2.0 está integrado xa, ao cen por cen, na prensa escrita e nos medios audiovisuais, “un feito que o converte nunha plataforma de comunicación e de información indispensable a todos os niveis”. A idea que fixo posible esta publicación foi a de achegar algo de verdade útil e práctico, clarificador, que puxese un pouco de orde nas ata o de agora ensarilladas metodoloxías para sacarlle punta á rede social. Segundo se apuntou,“se ben é certo que existen numerosos libros que explican o funcionamento e mecánica da rede social, hai moi poucos libros que, coma este, ofrezan unha visión práctica que sexa á vez unha folla de ruta que nos axude a conseguir obxectivos coma a autopromoción, a procura dun posto de traballo ou a consecución de máis clientes ou vendas para o noso negocio”. Segundo Óscar del Santo: “En De Twitter al cielo exploramos dun xeito claro, sintético e didáctico como aproveitar ao máximo as posibilidades que nos ofrece Twitter para o noso marketing persoal e cales son os principios que nos deben guiar na nosa andaina, afondando tamén en aspectos a miúdo esquecidos dunha xestión con éxito do microblog: como nos presentamos de xeito óptimo, a nosa estética na rede ou a xestión dos RTs, o bloqueo de contas, os trending topics, o uso de Twitter por parte dos famosos, as crises e como superalas, ademais doutros aspectos de grande interese e relevancia”. Completan a obra os capítulos de Daniel Iglesias sobre a importancia capital do storytelling como táctica preferente para contar a nosa historia na plataforma, e o capítulo escrito por Marco Conde sobre a contribución decisiva de Twitter no éxito do coñecido programa televisivo Punto pelota de Josep Pedrerol, no que o autor participou e colaborou desde a redacción web.