Preséntase en Valencia o primeiro ordenador que pisou España

luns, 9 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

A evolución da tecnoloxía dixital semella ante todo de natureza práctica: seguindo certa vontade de boas maneiras na administración doméstica e cun aquel de liña paradoxal, os aparellos cos que xestionamos a información son quen de facelo cada vez mellor á vez que se fan máis reducidos. En boa medida e vendo as cousas con ironía, a historia da informática é o reverso do espírito construtivo galego. Leas aparte, nunca está de máis que lembremos que houbo un tempo en que ter un ordenador na casa era practicamente como ter un equipo de fútbol. Diso, de saudade dixital, trata precisamente a exposición que alberga dende hoxe o Museo das Ciencias Príncipe Felipe de Valencia e que, entre outras cousas, presenta en persoa ao primeiro equipo informático que pisou España: o modelo de IBM 650 Magnetic Drum Calculador, mercado por RENFE en 1959 para o manexo a distancia das liñas ferroviarias que hoxe está integrado nos fondos do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.
A exposición, titulada Ventana Valencia, forma parte dunha iniciativa do dito Museo por ir amosando as pezas que alberga en diferentes espazos vinculados á investigación da xeografía española. Entre elas cóntase precisamente o dito ordenador IBM 650, un aparello ao que dificilmente poderíamos cualificar de portátil: é 150 veces máis grande ca un ordenador medio actual e ten un peso mil veces superior.
Entre as súas características, atopamos unha feitura axeitada para dar soporte a traballos científicos e de enxeñería, malia que logo fóra usado tamén nas empresas. O ordenador, compatible cos anteriores sistemas operativos, funcionaba con lámpadas de baleiro: por así dicilo, é un ordenador de transición. Sen ser xa un vello equipo para procesar datos e pouco máis, tiña certas características do que estaba por vir: a era da informática desenvolvida en base a transistores (os computadores que hoxe en día coñecemos).

PUBLICIDADE