Preséntase a nova modelo que encarnará a Lara Croft

luns, 11 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A moza virtual máis coñecida do mundo dos videoxogos é sen lugar a dúbidas Lara Croft, que tamén ten as súas encarnacións no cine (con Angelina Jolie) e no mundo real, con toda unha saga de modelos que representan á protagonista dos xogos de Tomb Raider en roldas de prensa e feiras de videoxogos que vén de chegar á 9ª xeración con Alison Carroll, de Croydon, que xa fixo a súa primeira sesión fotográfica nos Estudos Pineapple de Londres, de xeito que xa coñecemos a cara da rapaza de 23 anos que encarnará a Lara Croft na campaña promocional do Tomb Raider: Underworld, xogo que chegará para PC, Xbox 360, PS3, PS2, Wii e DS o vindeiro 21 de novembro.
Ata o momento Carroll estaba a traballar coma recepcionista dun club de golf, e tras un proceso de selección foi escollida para coller o relevo de modelos coma Nell McAndrew, Lucy Clarkson, Karima Adebe ou a agora coñecida actriz, Rhona Mitra. As aparicións da nova modelo prometen ser moi espectaculares, posto que Alison Carroll está nunha moi boa forma física, chegando a gañar distintas competicións de ximnasia no Reino Unido (e representando ao seu país en encontros internacionais).

A nova modelo practica a ximnasia, o que lle permite dar máis espectacularidade ás súas aparicións

PUBLICIDADE