Preséntanse no ITG dous casos de éxito galegos no eido das tecnoloxías e a auga

xoves, 29 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana celebrouse unha xornada sobre financiamento e innovación empresarial na sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia na Coruña. No transcurso da cita déronse a coñecer os resultados dos proxectos SABIUS e WaterSIG, dúas iniciativas tecnolóxicas ligadas á xestión e o control das augas e impulsadas por empresas galegas e o ITG no marco do programa de axudas Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Segundo se lembrou, SABIUS é o acrónimo de Sistema Sistema Avanzado de Baixo Custo e salienta (entre outras cousas) por poñer en xogo nano-biosensores para a xestión da seguridade das augas de baño. É froito da colaboración entre as empresas Balidea, Indrops, Proyfe, CYE Control e Estudos e ITG.
O programa SABIUS, que vén orzamento de máis de 700 mil euros co-financiado polos fondos FEDER da UE e por GAIN, aborda a problemática do control da calidade sanitaria das augas de baño, ceibando aos profesionais de ter que manipular as mostras e transportalas ao laboratorio grazas ao desenvolvemento dun equipo portátil de baixo custo con capacidade de realizar medicións microbiológicas insitu e un sistema de datos que optimiza a xestión.
Pola súa banda, os resultados do proxecto WaterSIG, unha iniciativa de Big Data e paralelaxe aplicada á xestión da auga potábel, foron dados a coñecer por representantes das empresas Proyfe, CYE Control e Estudos, Torusware e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, responsábeis do seu desenvolvemento. Segundo explicaron, o sistema de información WaterSIG combina diferentes tecnoloxías de análise de datos a gran escala para facer fronte a necesidades das redes de auga, por exemplo o modelado de comportamento, o seguimento de información inxente ou a identificación de determinados patróns de fallo, entre outros.
A xornada técnica contou tamén coa intervención de Elena Polo Prieto, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que detallou as subvencións dispoñíbeis para proxectos de innovación por parte da Xunta.

PUBLICIDADE