Preséntanse en Mondariz as posibilidades de transformación dixital de SmartPEME

xoves, 30 de marzo do 2017 Redacción

O programa SmartPEME, a iniciativa da Deputación de Pontevedra para encher a provincia (dende os centros de operacións SmartPEME de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo) de accións formativas TIC ao servizo do tecido produtivo dos concellos, presentouse este mércores en Mondariz. No acto participou o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e tamén representantes do sector empresarial (autónomos, PEME, emprendedores, profesionais) do devandito concello pontevedrés e das comarcas do Condado e da Paradanta. Javier Dios lembroulles que a través de SmartPEME teñen ao seu dispor todo tipo de actividades e servizos tecnolóxico-dixitais para mellorar a súa actividade diaria, dende obradoiros sobre ferramentas para favorecer a promoción até recursos para optimizar a comunicación con clientes e mailas vendas. A xornada tivo lugar na Biblioteca de Mondariz e tamén contou coa asistencia do seu alcalde, Xoán Carlos Bugarín.
Segundo informou Dios nun plano máis detallado, o proxecto SmartPEME é “un novo modelo de servizo orientado á potenciación do desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra, que busca a mellora competitiva das PEME e persoas emprendedoras e autónomas e unha meirande optimización nas vendas, na eficacia e na eficiencia das súas tarefas, a través do mellor aproveitamento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación”. Igualmente, lembrou que dende a súa creación (tendo como orixe a arela do actual Goberno da Deputación de facer “máis útil, axustada, integradora e participativa” a antiga rede CPAE 2.0), SmartPEME abriuse a novos eidos de actuación e abrangueu “novos grupos de interese”, como son os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O deputado provincial Javier Dios tamén asegurou que SmartPEME é unha rede de asesores e asesoras cualificadas nas TIC, “que se poñen á disposición do noso tecido empresarial para fornecer servizos de información e asesoramento presencial e personalizado de maneira totalmente gratuíta”.
Javier Dios, ademais, recordou aos asistentes ao acto desenvolvido na Biblioteca de Mondariz que “terán a posibilidade, hoxe mesmo, de recibir un asesoramento personalizado do persoal técnico do proxecto SmartPEME da institución provincial”. Este asesoramento e este apoio, sinalou, baséase en piares como “a incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis implantados no tecido empresarial de cada territorio”. Con todo, tamén fixo saber que os asesores e asesoras do programa da Deputación tamén fornecen estes servizos a todas as persoas que acudan a outra das oficinas nas que esa área concreta non sexa a súa especialidade, establecendo polo tanto un servizo centralizado e en constante contacto entre os diversos puntos e oficinas da rede.
Dios engadiu que a oficina de referencia para as comarcas do Condado e A Paradanta atópase en Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, e que en toda a rede SmartPEME no seu conxunto estanse achegando obradoiros temáticos adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial en función das necesidades das áreas de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a persoas emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE