Presentando en Madrid un proxecto que pon á nosa disposición medio cento de audiovisuais do Camiño

martes, 22 de xuño do 2021 S. P.

O Camiño de Santiago é e será unha fonte inesgotábel de produción audiovisual, e cada pouco chegan novidades que nolo certifican. A máis recente chegounos dende Madrid, e foi a presentación do Un camiño de cine Xacobeo, a nova obra de Pilar Falcón na que se recompilan (de xeito ordenado e cronolóxico) os documentais e longametraxes feitos ao longo dos anos e que teñen como protagonista o fenómeno do Camiño de Santiago. No acto estivo presente a autora, o editor José Luis Pardo, a actriz Estíbaliz Veiga e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Garcia salientou “a importancia que ten para a difusión da cultura e a lingua galega o feito de que a industria cinematográfica incorpore o fito Xacobeo nas súas producións". Neste sentido, resaltou a influencia que o audiovisual ten no público e a importancia de traballos como o feito por Pilar Falcón “para reforzar a imaxe da nosa terra”.
Segundo destacaron os participantes na presentación, Camiño de cine Xacobeo recolle cronoloxicamente o cinema ligado a Compostela como destino cultural e relixioso ao tempo que reivindica a categoría desta temática audiovisual “como un xénero en si mesmo”. Así, a obra da presidenta do Club de Xornalistas Galegos supón un traballo de recompilación, arquivo, documentación e análise de 50 películas e documentais de televisión que centran o seu interese no Camiño de Santiago, ofrecendo ao lector unha viaxe a través destes audiovisuais que nos achegan ás paisaxes, lingua e cultura galegas.
Inclúe contribucións de Mónica Casuso, Xisela Franco, Norberto López, Diego Moldes, Padre Paco, Ángel Peláez, Mamen Quintas, Estíbaliz Veiga e Darío Villanueva, persoeiros da escrita e do audiovisual que achegaron o seu punto de vista persoal do Camiño.
O acto enmárcase Semana Xacobeo 21-22 Madrid, un programa de actividades promovidas polas Asociacións e Centros Galegos de Madrid (ACGM) para desenvolver ao longo dos anos 2021 e 2022 dentro do Plan Estratéxico Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. A Semana Xacobeo 21, que comezou o pasado 18 de xuño e durará ata o 27 do mesmo mes, conta con diversos actos programados co obxectivo de difundir o Camiño de Santiago, en particular, e a cultura galega, en xeral, a través da súa gastronomía, folclore musical e tradicións.

PUBLICIDADE