Presentan un dicionario visual interactivo nas Xornadas de escolarización de alumnado inmigrante

luns, 23 de novembro do 2009 Redacción

Máis de 400 docentes e orientadores participaron esta fin de semana nas Xornadas de escolarización de alumnado inmigrante que, baixo o título Eliminando Fronteiras, se celebraron no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Coa organización deste evento, en colaboración doa ONG InteRed, a Consellería de Educación segue a mostrar o seu compromiso coa educación inclusiva, aquela na que todos os nenos e nenas aprenden xuntos, independentemente das súas condicións sociais ou culturais; valorando as diferenzas entre eles un elemento algo enriquecedor.
Durante os dous días nos que se desenvolveron as xornadas, déronse cita en Santiago numerosos expertos en pedagoxía, recursos educativos e prácticas para a inclusión social. Grazas a todas as súas experiencias, Eliminando Fronteiras puido mostrar un amplo abano de realidades escolares e enfoques educativos dos países de procedencia do alumnado inmigrante. Ademais, e como colofón das xornadas, na tarde do sábado varios centros escolares galegos expuxeron as súas experiencias de escolarización inclusiva, de recoñecido éxito. Así, o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo (Ourense) amosou o proxecto de cooperación que impulsa coa Unidade Educativa Timoteo Rondales da localidade boliviana de Bermejo, que lle valeu o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento. Exemplo de boas prácticas neste eido, tamén estiveron presentes os CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) e o IES San Rosendo, de Mondoñedo (Lugo).
Así, o sábado celebráronse dez obradoiros simultáneos con participación activa dos asistentes, nos que se van abordar asuntos como o uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a web 2.0 como ferramentas interculturais; a ensinanza de segundas linguas como forma de facilitar a integración nas escolas; ou as prácticas educativas ambientais para a construción dunha visión inclusiva da vida.
Ademais de conferencias e obradoiros, o Palacio de Congresos acolleu a presentación da ampliación do Dicionario Visual Interactivo para o alumnado procedente do estranxeiro, unha ferramenta para facilitar a estes rapaces e rapazas iniciación no uso da lingua galega, que tamén se pode atopar en inglés.
Baseado nunha atractiva combinación de cores, o dicionario mostra unha ducia de escenarios do entorno educativo (a aula, o laboratorio, conserxaría, etc.), de tal forma que os estudantes poidan exploralos e localizar os termos máis comúns, escoitar a súa pronuncia e mesmo ver exemplos do seu uso, contextualizados en frases. A ferramenta incorpora, ademais, unha serie de actividades, como sopas de letras ou encrucillados.
O dicionario ve agora ampliados os seus contidos con dez escenarios máis, que xiran arredor de outras contornas da realidade cotiá e social galega: unha romaría popular, un centro de saúde, unha praza de abastos...
Cara a finais de ano, a Consellería de Educación prepara outros seis escenarios máis para incorporar a esta ferramenta a finais de ano, así como unificar nun mesmo dicionario as tres linguas: galego, castelán e inglés.

PUBLICIDADE