Presentan no Reino Unido un ordenador ultraportátil que custará menos de 100 libras

venres, 29 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Esta semana celebrouse en Birmingham (Reino Unido) o The Education Show, evento educativo no que se anunciara que tería lugar a presentación en sociedade do Elonex ONE, un equipo informático portátil pensado para os cativos que se vendería a menos de 100 libras (133 euros), e finalmente cumpren co prometido, e na web da BBC podemos ver un vídeo do portátil en acción.
O ordenador ultraportátil de Elonex ten unha pantalla de 7 polgadas, pesa menos de 1 Kg., inclúe 1 Gb de memoria Flash, ten conectividade Wi-Fi, altofalantes, unha especie de TrackPoint e un teclado que se pode separar da pantalla.

O teclado do Elonex ONE pode separarse da súa pantalla

Elonex pretende que tódolos cativos do Reino Unido teñen o seu propio portátil, para o que deseñou o ONE, que permite acceder á Internet sen fíos, utilizar o correo electrónico, procesar textos, empregar follas de cálculo e escoitar música en formato MP3, e que xa se pode encargar en distintas cores (negro, branco, rosa, verde e prata), agardándose a súa entrega para o mes de xuño.
Esta iniciativa sobreprende especialmente polo prezo acadado, pois é o proxecto que ata o momento parece achegarse máis ós obxectivos do OLPC (que prometía portátiles a 100 dólares, o que podería tardar 1 ou 2 anos en conseguir) e que podería facer posible a introdución masiva das TIC na docencia.
O Elonex ONE non é o ultraportátil de baixo prezo máis atractivo do mercado (tanto o XO-1, o ClassmatePC ou o Eee PC teñen unha estética máis coidada), pero podería ser o de maior implantación se cumpre finalmente co prezo anunciado.

PUBLICIDADE