Presentan en Compostela un completo iBook sobre as pegadas humanas da Illa de Ons

mércores, 25 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Presentación do libro electrónico en Vigo /Imaxe de J.Santomé para El Faro de Vigo

O Centro Superior de Investigacións Científicas está a presentar estes días un libro electrónico dispoñíbel en tres linguas (galego, castelán e inglés) sobre as pegadas humanas deixadas nunha das principais (dende o punto de vista cultural, paisaxístico e medioambiental) illas do noso litoral, Ons. O lanzamento da obra, cuxo título é Ons: unha illa habitada, coincide co 80 aniversario do pasamento de Xurxo Lorenzo (Ourense, 1910-Zaragoza, 1934), o primeiro investigador deste senlleiro enclave da nosa costa. Asemade, acompáñase da mostra fotográfica A Illa de Ons, unha cultura, unha identidade, de Staffan Mörling, que se exhibe no Museo do Pobo Galego.
Volvendo ao iBook do que estamos a falar, dicir que vén da man de Cristina Sánchez Carretero e Paula Ballesteros Arias, co-autoras deste achegamento multimedia ao pasado e presente da nosa illa. A obra, que está xa accesíbel para iOS e que en breve chegará en formato eBook, será presentada este xoves 25 de xuño no Museo do Pobo Galego polas súas autoras, ás 19.00 horas, contando para a ocasión coa presenza do director do espazo de exhibicións, Carlos García Martínez. O iBook, informan, “é un percorrido pola presenza humana na illa dende a prehistoria ata a actualidade” e nel reúnense os resultados das investigacións realizadas na illa dende 2009 polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), cunha “perspectiva interdisciplinar”, acerca da presenza humana nesta parte do territorio. O CSIC está organizando, a través do dito Instituto, actos en diferentes localidades de Galicia para presentar ao público xeral este iBook. Así, xa se celebraron dúas presentacións do mesmo en Vigo e Bueu.
O iBook sobre Ons, por certo, constitúe o número 2 de Anaina, serie electrónica de monografías didácticas e de divulgación posta en marcha polo INCIPIT para achegar ao gran público os resultados das súas investigacións. Divídese en cinco capítulos: o arquipélago de Ons e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia; a investigación e o equipo de traballo; as súas xentes; os seus lugares e a súa historia. Preséntase aos lectores de múltiples xeitos e a través de diferentes linguaxes complementarias, tirando partido das posibilidades multimedia que achegan os dispositivos intelixentes. Deste xeito, permite (entre outras cousas) que escoitemos os sons da illa (o mar, o día, a noite), ver vídeos de entrevistas onde os seus habitantes falan sobre como foi e como é a súa vida diaria, sobre a terra e o mar, sobre a posguerra, os anos de abandono e posterior retorno á illa, ou descargar documentación orixinal sobre os propietarios de Ons.

PUBLICIDADE