Presentan a nova película de animación de Filmax

venres, 25 de xuño do 2010 Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no Salón de Actos do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a película de animación Copito de Nieve, obra da produtora Filmax Galicia que vén a conmemorar o seu décimo aniversario. Roberto Varela asegurou que «hoxe podemos dicir con orgullo que Galicia é un inescusable centro de referencia para a animación española e europea» e definiu a longametraxe como «unha das propostas máis atractivas e ambiciosas da animación europea actual». No acto de presentación tamén estiveron presentes, o produtor e presidente de Filmax, Julio Fernández, a delegada de Filmax en Galicia, Inmaculada Castaño e o director de animación, Alberto Neira.
O conselleiro de Cultura e Turismo amosou o compromiso da Xunta de Galicia nun proxecto «extraordinariamente positivo, que xa desde a súa mesma concepción naceu cunha indubidable vocación internacional». Os nomes de Filmax e Factoría de Animación de Bren Entertainment supoñen unha «garantía de calidade e sen os cales a animación galega, e mesmo a industria audiovisual de Galicia, non serían as mesmas». Deste xeito, entre as nove películas de animación de Filmax, das que oito levan o selo de Bren, o conselleiro destacou títulos como O Cid, Nocturna, Pinocho 3000 ou Pérez.
Desde a creación do selo de animación, en maio de 1999, Filmax produciu oito películas e unha serie de animación en Galicia. O seu último traballo, Copito de Nieve, é unha película dirixida por Andrés G. Schaer e trata da primeira longametraxe sobre o único gorila branco do mundo. A película, cun orzamento de 6,5 millóns de euros, integra acción real e animación e foi rodada en Barcelona (acción real) e Santiago de Compostela (animación).


A presentación de Copito de Nieve vista a través das cámaras de Correo TV

PUBLICIDADE