Presentan a IV edición de Curtas na Rede

mércores, 11 de febreiro do 2009

Manuel José Fernández Iglesias e Mª Dolores Rodríguez Amoroso presentaron a IV edición de Curtas na Rede

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia presentaron hoxe Curtas na Rede 2009 que pretende consolidarse como «unha aposta decidida pola creatividade audiovisual»segundo destacaron hoxe Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, e Mª Dolores Rodríguez Amoroso, presidenta do Consello da Xuventude de Galicia na presentación en Santiago do certame.
Na súa intervención, Fernández Iglesias destacou que o concurso Curtas na Rede 2009 pretende «promover e dar a coñecer a creatividade que está fóra da industria audiovisual». Por iso, explicou, «animo a todo o mundo a participar para que todas as creacións se convertan en referencia non só para o mundo da curtametraxe, senón tamén para esa industria audiovisual que pode ter en todos os concursantes a canteira desa Galicia que se proxectará nas pantallas do cine ou no monitor do ordenador».
Manuel José Fernández Iglesias e Mª Dolores Rodríguez Amoroso presentaron a IV edición de Curtas na Rede«O concurso está dirixido á xente que, non estando dentro da industria audiovisual, sen moitos medios pero con moita imaxinación e creatividade, teñen moito que contar e contarnos», destacou Dolores Rodríguez.
No referente aos premios, este ano cóntase con 33.000 euros a repartir entre as diferentes categorías, un total de 26. Este ano inclúese un novo galardón que pretende recoñecer a mellor montaxe. Dentro do apartado de curtametraxes establécense tres premios por cada categoría: un primeiro dotado con 1.500 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro dotado con 500 euros. A categoría de animación mantén as contías de 3.000 euros para o primeiro galardoado, 1.000 para o segundo e 500 para o terceiro.
Entre as novidades, preténdese que o concurso sexa máis libre que nunca para o cal, se eliminaron os temas das anteriores edicións. Así, nesta ocasión optouse por afondar nos xéneros cinematográficos, deixando unha total liberdade temática aos participantes. Deste xeito, as curtametraxes, a categoría estrela deste concurso, poden encadrarse en calquera dos catro xéneros, que son: ficción, documental, experimental e animación.

PUBLICIDADE