Presentan Lifeseeker, un sistema para localizar desaparecidos en lugares de difícil acceso

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

David Vázquez Cortizo, director xeral de Gradiant, Héctor Estévez, socio e director xeral de Centum R&T, e Manuel Varela, director xeral de la Axencia Galega de Innovación (Consellería de Economía e Industria, Xunta de Galicia), presentaron ao público hoxe LifeSeeker, un sistema electrónico deseñado baixo estándares aeronáuticos que converte os teléfonos baixo a súa área de actuación en radiobalizas, permitindo así detectalos, identificalos, localizalos e mesmo se comunicar con eles, durante unha conferencia de prensa celebrada en Vigo, na sede de Gradiant e Centum R&T.
David Vázquez Cortizo quixo destacar que "LifeSeeker é un caso de éxito de manual en canto á colaboración entre un Centro Tecnolóxico como Gradiant e a industria de Galicia, en concreto cunha empresa galega innovadora como Centum R&T. Gradiant apostou polo éxito de LifeSeeker e Centum R&T soubo ver o potencial da colaboración connosco para conseguir chegar ao mercado cun produto innovador".
Pola súa banda, Héctor Estévez, CEO de Centum R&T, afirmou que "LifeSeeker naceu para cambiar o paradigma das operacións de busca e rescate, xa que permite pasar dunha busca visual a localización das persoas a través do seu teléfono móbil, aumentando considerablemente o raio de acción. Esta nova forma de operar reduce significativamente o tempo necesario para a localización da persoa desaparecida e, en consecuencia, maximiza a probabilidade de éxito da operación de rescate".
Manuel Varela, director xeral da Axencia Galega de Innovación, quixo destacar o "apoio da Xunta ao traballo conxunto entre Centros Tecnolóxicos e Industria", e resaltou ademais que "a aposta polo sector dos avións non tripulados é unha liña de traballo estratéxica para a Xunta, como demostra a aposta polo Centro de Avións non Tripulados de Rozas". Ademais, anunciou a recente aprobación por parte de Xesgalicia (a Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco, dependente da Xunta de Galicia), do investimento a través do fondo I2C de 250.000 € en Centum R&T a través dun préstamo participativo convertible.
O sistema LifeSeeker é o resultado dunha estreita colaboración entre Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, e a empresa Centum R&T. Un caso de éxito de sinerxías entre un Centro Tecnolóxico e unha empresa innovadora, que culminou co lanzamento ao mercado dun produto disruptivo.
LifeSeeker vai revolucionar os servizos de emerxencias, ao permitir a localización de persoas través do seu teléfono móbil mesmo en zonas onde non exista cobertura, como por exemplo unha persoa perdida nunha montaña
LifeSeeker está deseñado para ser utilizado a bordo de calquera tipo de aeronave, tanto helicópteros, coma drons ou avións.
O raio de acción do sistema supera os seis quilómetros. Ao operar de xeito independente das redes de telecomunicacións, ademais de localizar o terminal da persoa perdida, LifeSeeker permite comunicarse coa persoa perdida, anticipando así o seu estado para poder preparar o rescate.
LifeSeeker foi deseñado para ser utilizado a bordo de calquera tipo de aeronave, e validouse xa con éxito en ámbitos reais, a bordo de drons e helicópteros.

PUBLICIDADE