Presentado un sistema de intelixencia artificial para localizar barcos nas treboadas

martes, 1 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Enxeñeiros da Universidade de Alcalá de Henares (UAH Madrid) veñen de desenvolver unha serie de recursos de navegación (marítima, non internauta) con particular potencial de emprego para as nosas costas, especialmente transitadas por barcos de tódolos usos e tamaños e, de maneira salientable, afectada por temporais, frontes e demais enleadas. Os recursos en cuestión consisten nun sistema para detectar mellor as embarcacións con mal tempo, segundo informa a revista IET Radar e reflicte a Plataforma SINC. Baséase esta innovación nunha análise constante das imaxes da radar e na aplicación dun algoritmo que tira partido das redes neuronais virtuais.
A ferramenta non é nova, pero ten certas cousas a ter en conta. Por exemplo: a aplicación destas técnicas de intelixencia artificial e, tamén, a mellora nos modelos que se usan para seleccionar os datos que se reciben, que son máis completos e axustados á realidade circundante.
O resultado, indican estes investigadores, é un recurso de localización de barcos que mellora unha boa parte do que se usa arestora, amais de ser economicamente máis barato e das posibilidades que achega de uso en tempo real.
Máis polo miúdo, o seu funcionamento é o seguinte: nun primeiro intre recolle os datos que subministran as imaxes do radar aplicándoos en modelos deseñados polo devanditos investigadores, abranguendo toda a información que xeran estes aparellos de seguimento nos seus varridos, tanto os feitos en horizontal-vertical como en aspa-cruz; posteriormente aplícase un tecido de rede virtual que imita o funcionamento das nosas neuronas e que, polo tanto, é quen de aprender da contorna.
A principal vantaxe disto é que se minimizan os atrancos que impiden albiscar as embarcacións no medio dunha lea de ondas, en mar revolta, a través das imaxes resultantes do sistema. Por certo que este xa foi probado con éxito no Mar do Norte, na plataforma alemá de investigación FINO-1, polo que a ferramenta xa está lista para instalarse “sen problemas” nos sistemas radar de barcos e plataformas mariñas.

PUBLICIDADE