Presentado o primeiro curso en liña para as probas de certificación de lingua galega

xoves, 10 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A aprendizaxe do galego, por ser unha demanda que provén dende moitos recantos do mundo e por outras moitas razóns, precisaba dende hai tempo un impulso na Rede. De crearlle na plataforma dixital un acubillo é do que trata en boa medida a nova iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que presentou o que sería o primeiro curso en liña encamiñado á preparación das probas da certificación de lingua galega no nivel 1. En termos do propio departamento da Xunta, a medida posta en marcha é o primeiro elo dunha cadea que se anuncia longa: “Estamos perante o comezo da posta en marcha dun ambicioso sistema de formación a través dunha plataforma virtual que ten como obxectivo potenciar a aprendizaxe do galego”.
O acto de presentación do curso en liña, definido como unha experiencia senlleira a prol do aproveitamento das vantaxes das TIC nos medios formativos, contou coa presenza de Anxo Lorenzo, responsable de Política Lingüística, e do presidente da asociación galega Ineo, Jorge Cebreiros. Amais, unha das autoras dos contidos, Xandra Santos, fixo unha presentación práctica do curso
O curso Celga 1 en liña, que ten dez unidades, está deseñado como unha ferramenta de traballo para facilitar a aprendizaxe da lingua e permitir a autonomía de quen recibe este labor de ensino. A actividade foi deseñada por Ineo e está baseada nunha metodoloxía multimedia, que tira proveito dos “máis avanzados recursos de imaxe e son como apoio aos contidos tratados, sendo ademais interactiva, xa que permite operar en todas as competencias lingüísticas”.

PUBLICIDADE