Presentado o mapa interactivo da flora do campus de Lugo

martes, 24 de setembro do 2013 Redacción

Que os campus galegos teñen unha importante riqueza botánica é cousa sabida. En base a isto e tendo en conta que en si mesmo acubillan creatividade e innovación, ten moito de natural (precisamente) que se fagan bases de coñecemento ou iniciativas TIC con este patrimonio medio ambiental. O máis recente destes exemplos chega dende o campus de Lugo, onde a Oficina de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago (Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade) presentou un mapa web interactivo da flora leñosa da contorna académica.
Trátase, máis polo miúdo, dunha aplicación web dirixida a pór valor o patrimonio natural na sede universitaria luguesa, amosando o emprazamento e as características das principais especies e variedades de flora vascular do campus. O mapa web foi elaborado a partir dos resultados dun estudo e inventario botánico da sede universitaria luguesa, promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible no marco do proxecto Campus Vida. Neste traballo, informa a USC, colaboraron os investigadores do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez, Manuel Rodríguez Guitián, María Isabel Iglesias Díaz e Javier Pereira-Espinel Plata. A adaptación do mapa á web foi realizada por David García San León, do Herbario SANT, un servizo de apoio á investigación da Universidade de Santiago. O estudo completo da flora leñosa do campus de Lugo, un traballo coordinado polo catedrático Antonio Rigueiro, está recollido na publicación Ruta Botánica por el campus de Lugo, dispoñíbel no Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE