Presentado o código QR para a procura rápida de datos turísticos de Ourense a través do móbil

martes, 31 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A páxina web dirixida a promover os moitos atractivos turísticos da provincida de Ourense, posta en marcha pola Deputación, conta dende hai uns días cun novo servizo encamiñado a facilitar a localización de datos útiles para os usuarios dende cadanseu trebello. Trátase da integración do código QR de seu, un sistema en formato dixital para dispositivos que inclúe o enderezo en Internet da dita web de turismo, capturada a través do móbil e que de xeito automático accede a aquela e permite a navegación polos seus contidos e recursos, “como se faría dende un computador”, informaron na presentación do servizo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.
O código QR, engadiu Baltar, "pon na man dos visitantes, ao instante e dende calquera lugar, información sobre os concellos da provincia, recursos e produtos turísticos, gastronomía, eventos e riqueza monumental e paisaxística".
Esta iniciativa, engadiron, forma parte do Plan OURENSE 92, presentado o pasado mes de xuño, no que atinxe a reestruturación do Inorde, que contempla tamén o proxecto de Internacionalización de empresas posto en marcha co obxectivo de apoiar actuacións en materia de promoción da internacionalización das empresas pertencentes ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, Parque Tecnolóxico (Tecnópole), e dos parques empresariais de Barreiros e Pereiro de Aguiar.
Volvendo ao código QR para móbiles, engadir que o obxectivo dos seus responsábeis foi “dar un paso máis no avance tecnolóxico, acadando unha importante redución de custes, coa diminución da edición de folletos en papel, e chegando no momento a moitas máis persoas que poidan estar interesadas na nosa provincia".

PUBLICIDADE