Presentadas en Pontevedra as axudas para a dixitalización das iniciativas dos autónomos

venres, 11 de agosto do 2017 Redacción

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou onte en Pontevedra as vindeiras axudas do seu departamento para os autónomos e emprendedores. Son unha serie de mecanismos para impulsar e consolidar o emprego por conta propia. Estes mecanismos son as partes integrantes do Bono Autónomo, que á súa vez encádrase na Estratexia Autónomo 2020. Trátase, máis polo miúdo, dunha axuda de até 3.000 euros por traballador, dirixida “a apoiar a consolidación das empresas que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación mínima de 12.000 euros”. As axudas poden solicitarse até o 31 de agosto (a día de hoxe xa se recibiron unhas mil solicitudes). A Xunta inviste nelas 3 millóns de euros. Con este incentivo pódese facer avanzar dixitalmente a nosa iniciativa de mercado.
Tal e como sinalou a directora xeral, “con este cheque pódense contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web”. Asemade, engadiu, “o bono tamén pódese empregar en plans de mellora empresarial, mercadotecnia, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos”.
Amais, lembrou que para axudar ao afianzamento da actividade empresarial e ao inicio da posta en marcha de novos proxectos, o Goberno galego ten en marcha a Oficina do Autónomo no dominio www.oficinadoautonomo.gal, que actúa como “xanela única” onde os interesados “poderán obter información en relación ao estado e progresos dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega”. Esta oficina, sinalou Toca, é “un punto unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático onde tamén se mostra toda a información sobre as axudas aos autónomos”.

PUBLICIDADE