Presentada unha nova guía para fomentar a transparencia na contratación pública de servizos TIC

martes, 22 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu este martes 22 a presentación dun estudo encamiñado a simplificar e optimizar o camiño da busca e obtención de novas tecnoloxías e servizos dixitais máis axeitados para as nosas administracións públicas. Máis polo miúdo, trátase da Guía de Boas Prácticas nos procedementos de contratación das tecnoloxías da información e as comunicacións.
A posta en longo do estudo, que foi aprobado no Consello da xunta o 17 de febreiro co obxecto de mellorar a xestión e a substentabilidade dos proxectos TIC no eido público, veu da man da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, quen salientou a principal finalidade do documento: “Definir un modelo de contratación transparente no que se consigan importantes aforros e se mellore a xestión das compras, centralizando os contratos e aplicando a economía da escala”.
Para a secretaria xeral, o estudo pon de manifesto un interese por crear un escenario de contratación no que todo fique visible para uns e outros. As empresas, deste xeito, “poderán ver con claridade os criterios de contratación da Administración, profesionalizando así a función informática na Administración Pública”. Os profesionais das TIC serán, polo tanto, os principais beneficiarios desta guía de boas prácticas, amais dos órganos de contratación do múltiple tecido de departamentos, organismos e sociedades da Administración.
Amais de fomentar a visibilidade e a transparencia, o que se pretende con esta iniciativa é encher o baleiro dunha base común para a licitación, valoración e execución dos contratos. En definitiva, búscase fortalecer o emprego común de ferramentas entre departamentos para a mellora dos servizos e o aforro. A este respecto, Mar Pereira fixo saber cómpre “afastarse dunha política tecnolóxica dividida en departamentos estancos onde cada consellería realiza a súas compras TIC (equipos, servizos, comunicacións e licenzas) atendendo ás súas necesidades particulares”.
Xa dende un punto de vista empresarial, e segundo informaron os días pasados asociacións de compañías TIC galegas como Ineo ou EGANET, a elaboración desta guía veu motivada pola especificidade da contratación informática na Administración autonómica e a adopción de medidas que permitan unha racionalización e optimización do gasto en tecnoloxía.

PUBLICIDADE