Presentada unha aplicación para facilitar o control das capacidades dos espectáculos

xoves, 17 de decembro do 2020 Redacción

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) presentaron este xoves unha aplicación dixital para o control de capacidade e accesos aos recintos deportivos. Segundo fixo saber o secretario xeral Lete Lasa, a ferramenta supón “un novo paso na loita contra o COVID-19 que volve poñer de manifesto a intelixencia e a capacidade de actuación do noso tecido deportivo diante das complicacións propias de reactivar a competición no medio dunha pandemia”.
A aplicación foi presentada pola empresa galega Cluber e permitirá simplificar o control sobre os límites de capacidade fixados no DOGA para a celebración de espectáculos deportivos (500 para lugares pechados e 1.000 aire libre para os niveis básico e medio e 250 e 500 para os niveis medio-alto e máximo).
Segundo fixeron saber, a ferramenta achega ás federacións un sistema de xestión integral dos accesos e capacidades dos recintos deportivos, posibilitando que todo o proceso, dende a compra das entradas até o control de acceso no recinto, “poida realizarse sen contacto físico, minimizando os riscos”. O sistema tamén incorpora un apartado para o control en tempo real da asistencia en calquera tipo de recinto, e fa posíbel, “como gran novidade”, a supervisión despois do evento, “xa que permite acceder a información recompilada a Administración, coa posibilidade de obter informes automáticos cos datos dos asistentes se fosen necesarios para realizar un posible rastrexo”.

PUBLICIDADE