Presentada na Coruña a tecnoloxía DMR para emerxencias

venres, 9 de maio do 2008 Raquel Noya

O pasado xoves día 8 de maio tivo lugar no Club Financeiro Atlántico da Coruña a xornada técnica A revolución das radiocomunicacións: a radio dixital, un evento organizado por ITC Grupo e Motorola España, no que tamén se aproveitou para presentar a nova tecnoloxía DMR para emerxencias e servizos urxentes.
A xornada foi inaugurada por Xoán Antón Pérez-Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais de Vicepresidencia da Xunta quen apuntou que “Galicia ten moito potencial para competir con outras empresas do panorama español e incluso mundial”. Pérez-Lema tamén fixo fincapé no deber do Goberno galego por apostar polo coñecemento, a innovación e o apoio ó empresariado e lembroulles ós alcaldes a importancia que supón a súa colaboración en tódolos procesos de cambio posibles para Galicia, como neste caso a tecnoloxía DMR.
Logo desta e doutras intervencións, a xornada dixital continuou coa intervención de Juan José Moya, director de distribución de Motorola España e Elías Beyrouthy, director de desenvolvemento de produto para Emea Motorola Ltda, que expuxeron as principais vantaxes da tecnoloxía DMR e deron a coñecer outros lugares do mundo onde xa está a funcionar con éxito.
Xa por parte de ITC Grupo falou Xosé Luís Madrid, xerente de Satdata Telecom, quen deu a coñecer a aplicación que a súa empresa desenvolve sobre tecnoloxía DMR e Brandán Hermo, consultor tecnolóxico de Democom que presentou o primeiro e único operador de radio dixital de Galicia baseado en tecnoloxía DMR e orientado tamén ó sector das emerxencias ou empresas con servizos urxentes.
Hermo, que fixo unha demostración práctica sobre o funcionamento dos equipos do operador Democom, expuxo que a filosofía do operador “é ofrecer servizos de calidade ós usuarios, coa mellor e máis avanzada tecnoloxía e accesible economicamente”.
A rolda de relatorios finalizou coa intervención de Xosé Antonio Ferreira Dapía, presidente de ITC Grupo, quen fixo un resume do exposto ata o momento e apunto a necesidade de que as Administracións valoren a tecnoloxía que están a usar e consideren se e a máis axeitada; cualificou de “irresponsabilidade política” permitir que as emerxencias estean baseadas en tecnoloxías inadecuadas e animou aos alí presentes a optar por solucións avanzadas como a tecnoloxía DMR.

PUBLICIDADE