Presentada en Lugo a primeira rede social de Europa sobre cruceiros marítimos

luns, 1 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

A semana pasada presentouse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo unha interesante e innovadora iniciativa empresarial que xunta dous mundos moi obrigados a entendérense: o mundo das novas tecnoloxías da información (redes sociais) e o mundo das viaxes (máis polo miúdo dos cruceiros). A empresa en cuestión, radicada no vieiro de empresas da Fundación CEL en Lugo, non é outra que Nudoss, que segundo se fixo saber na súa botadura oficial é a primeira rede social de cruceiros de Europa. A iniciativa, de feito, quere ser unha en toda regra “unha comunidade en liña especializada”, e así se fixo saber na presentación, que contou cos representantes da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo e do Instituto Galego de Promoción Económica de Galicia (IGAPE), entidades que achegaron o seu apoio a Nudoss. Os obxectivos e funcionalidades da empresa expuxéronse acompañados do seguinte slogan: O 71% do teu planeta é auga.... navega!
Tamén estivo presente no acto de posta en longo Hugo Iglesias, o director do proxecto, un profesional con ampla experiencia no sector cruceirista internacional, acompañado ante os medios polo presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla; a xefa do Departamento de Desenvolvemento Portuario e Comercial da Autoridade Portuaria da Coruña, Irene Souto Blázquez; a xefa de Departamento de Xestión Comercial da Autoridade Portuaria de Vigo, Dores Rois Orza; o xerente de IgapeNova, Guillermo Viña; e a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro Castro.
Na presentación fíxose saber, entre outras cousas, que Nudoss é un espazo web para compartir consellos, amosar opinións, buscar información, intercambiar experiencias, procurar servizos ou ofrecelos e atopar ofertas, promocións ou novidades. Para formar parte da plataforma como usuario, engadiuse, é preciso que nos rexistremos e fagamos un perfil para acceder aos seus recursos. O groso da información achegada ten que ver cos principais portos e destinos de cruceiros do mundo; as principais navieiras e os consellos fundamentais á hora de facer unha viaxe en cruceiro.
Por certo que podemos participar como socios da iniciativa a través da creación dun perfil oficial de empresa ou organismo, con diferentes tipos de colaboración.
“Nudoss.com”, explicaron os seus desenvolvedores, “é unha rede social que cingue tecnoloxía e comunicación ao servizo duns usuarios cada vez máis expertos e esixentes, que demandan información concreta e específica e que gustan de compartir as súas experiencias como viaxeiros e de establecer comunicacións multidireccionais”. Ao fío disto último, cómpre sinalar que a iniciativa xa ten múltiples apoios, non só das devanditas entidades, senón tamén de navieiras (algunhas delas moi referenciais) e de portos de cruceiros, entre os que se atopan os principais da nosa costa, achegando na rede social galega un perfil de seu con información específica.
Segundo fixo saber Hugo Iglesias, a comunidade xorde directamente da necesidade de comunicármonos sobre aquilo que máis nos interesa ou sobre o sector comercial e empresarial no que nos movemos. Neste caso concreto, o sector dos cruceiros. De feito, dixo, Nudoss cobre un imporante baleiro informativo: non había até o de agora ningunha rede 2.0, no noso ámbito e na nosa contorna (galego, estatal e europeo) que abranguese este ámbito temático.
Segundo engadiu Iglesias a respecto dos seus detalles funcionais, a plataforma está caracterizada por ser de doado emprego e pola súa capacidade para interactuar. “O obxectivo de Nudoss.com é que os viaxeiros poidan pórse en contacto antes e despois da súa viaxe, que resolvan as súas dúbidas, que intercambien consellos e que atopen información oficial, contrastada e obxectiva sobre os diversos produtos e servizos do sector, así como das navieiras e os destinos de cruceiros”, especificou Iglesias, quen tamén salientou as vantaxes da plataforma con respecto aos foros e aos blogs existentes sobre a materia a tratar, xa que na súa opinión Nudoss fornece información máis ordenada e ao servizo do usuario mediante unha estrutura web creada “especificamente” para a súa comodidade.
Por certo que a plataforma contará con adaptación a dispositivos móbiles e con versións en diferentes idiomas, que segundo se fixo saber “estarán rematados nuns días”, así como con “innovación continua inspirada tanto en ideas propias como en referentes tecnolóxicos do sector”. Iglesias tamén valorou moi positivamente “a parte social da rede”, que permite facer amigos dentro da mesma, compartir fotos ou buscar compañeiros de viaxe, entre outras posibilidades.

PUBLICIDADE