Presentada en Becerreá a web de Tic-Tac Lugo

mércores, 25 de marzo do 2015 Redacción

Onte tiña lugar no Fogar Residencial O Cereixal de Becerreá a entrega dos diplomas acreditativos aos 12 maiores da localidade que participaron no programa Memoria Dixital Tic-Tac, unha actividade de balde que achegou a Deputación a maiores de 55 anos de todos os concellos da provincia co obxectivo de fomentar o envellecemento activo mediante o uso das novas tecnoloxías. A actuación enmárcase na liña de Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo.
Cómpre engadir que na mesma entrega se aproveitou para presentar de xeito oficial a web do Tic-tac Lugo, xa dispoñíbel, que recolle o primeiro banco audiovisual de recordos da provincia, gravado nos 10 obradoiros celebrados en varios concellos lugueses.
No acto de entrega de diplomas, o Deputado de Xestión Territorial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez (quen entregou os galardóns), salientou a importancia desta idea coa que “preservamos e compartimos o legado da nosa comarca mantendo vivas as historias e recordos dunha xeración de lugueses que superaron o medio século de vida”. Nesta liña, subliñou que o programa serviu “para introducir aos participantes no mundo das novas tecnoloxías, xa que foron eles os que gravaron cunha tableta as súas propias experiencias e aprenderon a manexar este tipo de dispositivos, tan correntes hoxe no noso día a día”.
En canto a Memoria Dixital Tic-Tac, dicir que constou dun total de 10 obradoiros, que se desenvolveron (xunto co de Becerreá) nos concellos de: Viveiro, Outeiro de Rei, Portomarín, A Pontenova, Láncara, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Fonsagrada e O Incio.

PUBLICIDADE