Presentada a I Guía das webs de Galicia

venres, 12 de marzo do 2010 Raquel Noya

O Centro Multimedia de Galicia, en Santiago de Compostela, vén de dar acollida, esta mesma mañá, á presentación da primeira Guía das webs de Galicia, unha publicación que recolle completa información sobre 4.800 páxinas web galegas, da que se imprimiron un total de 7.000 exemplares que se distibuirán nos quioscos de toda Galicia.
A presentación tivo lugar da man do xornalista lugués Xulio Xiz mailo director de GaliciaDigital Antonio Giz, unha plataforma que achega un total de 27 portais relativos á nosa Comunidade, da que parte esta iniciativa.
A guía, que contén 212 páxinas a toda cor, conta cunha introducción de Alfonso Cabaleiro Durán, Secretario Xeral de Medios da Xunta, o cal lle dá a benvida aos lectores e aproveita a ocasión para louvar a iniciativa, da que asegura, “contribúe a facer máis forte a presenza deste país nun mundo imprescindible para o diálogo, o traballo e o progreso”.
O índice integra, entre outras seccións, páxinas dedicadas ás artes gráficas e deseño, aos deportes, á moda e complementos, á informática e telecomunicacións, e á comunicación e imaxe, onde se atopa a referencia á nosa revista e portal web de novas tecnoloxías, Código Cero.

PUBLICIDADE